Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Sergio Pena vence ao cancro e grava un vídeo para axudar a outras persoas enfermas

Este larachés di que agora valora “moito máis as pequenas cousas” // Avoga por “tratar a enfermidade con naturalidade e ser positivo”

Todo cambiou na vida do larachés Sergio Pena cando no pasado mes de xullo lle diagnosticaron linfoma de Hodgkin. Dende hai tempo tiña unha tose que non se correspondía coa súa idade, 24 anos. Nun principio dicíanlle que non se preocupase porque podía ser dun simple catarro. “Non lle din moita importancia ata o día no que fixen unha placa e o meu médico de cabeceira viu algo raro. A partir de aí pedíronme máis probas e, finalmente, fixen unha cirurxía torácica onde o resultado da biopsia confirmaba que era linfoma”, di.

A súa resposta foi de incredulidade. “Mirei o ordenador do doutor para ver realmente se era o meu caso porque nese momento atopábame moi ben”, di. A tose era o único síntoma que tiña, aínda que habitualmente este cancro soe provocar a perda de peso e moito esgotamento. Sergio, presidente da asociación cultural Adro de Vilaño e xogador do Club do Mar de Caión, seguiu practicando exercicio de xeito diario e con intensidade.

O deporte é a súa paixón e non a deixou de lado a pesar das sesións de quimioterapia. Estudou INEF e posteriormente cursou o máster de profesorado habilitante para poder opositar. Agora está opositando para profesor de Secundaria de Educación Física e tamén cursa un máster en Ourense. O deporte é algo que lle apaixona e as duras sesións de quimioterapia non impediron que o seguise practicando. O tratamento recibíao cada dúas semanas no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac). Primeiro tiña revisión co hematólogo e, logo, recibía a quimioterapia no hospital de día. “Tardaba sobre cinco horas e os dous días seguintes estaba mal: con vómitos, moito cansazo e problemas intestinais. Despois xa volvía a facer a miña vida diaria e intentaba que isto non me limitase”, confirma. Non deixa de ser un cancro, pero os médicos animárono dende un principio facéndolle saber que todo sairía ben xa que o tratamento era eficaz. E así foi, en cinco meses estaba curado.

MOITOS APOIOS. O mozo larachés sempre estivo moi arroupado pola familia. Tampouco esquece as súas amizades. “Teño un grupo de amigos envexables. Somos preto de 15 e coñecémonos dende os tres anos. Todos os días tiña unha mensaxe de ánimo dalgún deles”, conta.

A mellor nova que podía recibir chegoulle o 3 de decembro, día no que lle confirmaron que estaba curado. “Era como se levara unha mochila cargada de pedras que por fin podía sacar”, fai a comparación. Foi unha alegría contida xa que hai posibilidade de recaída. “Segundo me din, no meu caso as probabilidades son menores xa que atoparon a enfermidade inicialmente e o tratamento é efectivo. “Iso si, debo ser prudente”, asume. Agora tócalle facer seguimento no Chuac ata que decidan darlle a alta definitiva.

Adoitan dicir que unha persoa que pasa por algo como isto lle cambia moito a súa mentalidade, algo que Sergio afirma. “Os problemas que para min antes significaban moito pasan a un segundo plano. Agora valoro moito máis as pequenas cousas; vivir e poder facer todo o que queira”, afirma.

EXPERIENCIA. Enerxía e optimismo definen a actitude de Sergio contra a enfermidade. Para iso creou un vídeo no que conta como viviu a súa historia. “A idea nace da miña amiga Sheila Bermúdez, que é xornalista. Propúxome facer o vídeo como experiencia vital e o certo é que quedou moi ben. Animárame moito o caso de Dani Rovira, porque aínda que os médicos che digan que te vas a recuperar axuda ver exemplos de xente que pasou polo mesmo e se curou”, engade.

Sergio contactou coa Asociación Española Contra o Cancro de A Coruña para a súa difusión. Sabía que a xente o agradecería pero non tiña idea de que acadara tal repercusión. As visualizacións achéganse as 30.000. Contactan con el persoas que están pasando por situacións similares á súa para pedirlle consellos. E esa é a súa intención: axudar a outros que pasan polo mesmo proceso.

Nun vídeo duns dez minutos, o larachés conseguiu falar do tema con naturalidade para que persoas afectadas vexan que “non pasa nada por contalo”. “No caso de estar nunha situación semellante á miña diríalle que estivera moi tranquilo, que está nas mellores mans e que se debe tratar a enfermidade con naturalidade e ser positivo xa que o tratamento é moi eficaz e sáese adiante. Tamén son consciente de que hai outros tipos de cancro que son moito máis complicados”.

07 ene 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.