Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Sesións de mentoring e un curso de financiación para os emprendedores/as do coworking carballés

O servizo, ubicado no Fórum, conta xa con doce persoas que apostan por avanzar no mundo empresarial

Carballo. No Coworking Carballo, que tivo que demorar a súa entrada en servizo a pleno rendemento por mor do estado de alarma, desenvólvese nestes momentos unha actividade moi intensa. Non só están ocupados 12 dos 18 postos dispoñibles, senón que os seus usuarios e usuarias están a recibir unha formación engadida que pode resultarlles de utilidade para acadar o éxito nos seus proxectos empresariais.

Onte mesmo arrincou un curso titulado “Financiamento e aspectos legais para emprendedores”, que imparte o carballés Herminio Angeriz Agrelo, socio fundador de Alea Asesores. Esta acción formativa, de tres xornadas de duración, ten como finalidade achegar aos emprendedores e emprendedoras información sobre liñas de financiamento ás que poden acceder: fiscalidade, cuestións laborais e contabilidade. As sesións desenvólvense de 16:30 a 18:30 nas aulas do Fórum.

Así mesmo, o tamén carballés Andrés Queijo, cofundador de Belanders, está a ofrecer sesións de mentoring aos usuarios e usuarias do Coworking Carballo, que todas as semanas traballan en reunións individualizadas co seu mentor.

De cara á vindeira semana está prevista tamén unha nova actividade formativa, neste caso sobre marketing dixital.

EN QUE CONSISTE O CENTRO DE COWORKING. O Coworking Carballo é un espazo de traballo gratuíto que se pon a disposición de novos emprendedores/as ou empresas de menos de dous anos de antigüidade, que deste xeito dispoñen dun local pero tamén dunha serie de infraestruturas, servizos e actividades que contribúen a mellorar as súas posibilidades de éxito. A sede deste novo servizo, impulsado dende a Concellaría de Promoción Económica e incluído na Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación Provincial da Coruña, é o 2º andar da nave 1 do Fórum Carballo, onde tamén poden solicitar máis información as persoas interesadas.

05 nov 2020 / 16:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.