Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Sete rutas a pé ou en bicicleta por Laracha que poden realizarse de forma autoguiada

O Concello pretende promocionar o turismo, os espazos naturais e a vida saudable

O alcalde, José Manuel López Varela, presentou o programa A Laracha Activa, promovido polo Concello e que inclúe sete rutas para realizar a pé ou en bicicleta de montaña de forma autoguiada a través da aplicación para smartphones Wikiloc. O proxecto foi posible grazas á coordinación entre diferentes departamentos municipais, xa que relaciona o turismo co deporte e a cultura.

López Varela puxo de manifesto que os propósitos son “dinamizar o sector turístico modernizando a oferta municipal empregando as novas tecnoloxías, poñer en valor e aproveitar o potencial dos fermosos espazos naturais que temos no Concello e impulsar os estilos de vida saudables a través da práctica da actividade física”.

Os sete itinerarios propostos son a Ruta de Caión, a Circular BTT A Laracha-Soandres-A Laracha, Ruta 360º Á Laracha, O vibrar do río Anllóns, Ruta da muiñeira a ritmo do río Acheiro, As pegadas do Bradoso e O sentir de Soandres. O alcalde lembrou que todas estas rutas xa se realizaron nos últimos anos a través de programas municipais con gran éxito de participación e que agora facilítase a posibilidade de que calquera persoa, turistas e tamén laracheses, poidan facelas de xeito independente en calquera momento do ano.

Agradeceu tanto ao club ciclista Laracha en Dúas Rodas como de xeito individual a Abel Matos e Anxo García a colaboración que prestaron no deseño dos itinerarios. Pola súa parte, Guti Martín, da empresa Sherpa Project que planificou e deseñou A Laracha Activa, referiuse a esta iniciativa como un “programa aberto” que, agarda, incorpore máis rutas durante os próximos anos por outros puntos do Concello. De feito, explicou que o logotipo ten trece frechas precisamente para simbolizar as trece parroquias do termo municipal.

As sete rutas presentadas hoxe xa están dispoñibles en Wikiloc e tamén terán un apartado específico na web municipal de turismo. Ademais, o Concello editou folletos informativos que están a disposición da cidadanía na Casa Consistorial e na oficina de turismo de Caión.

27 ago 2021 / 20:18
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.