Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Solicitan protección para Baldaio no Día Mundial dos Humedais

O goberno de Carballo está a realizar un seguimento da situación tras o grave problema que provocou hai un ano o taponamento da canle que comunica a lagoa co mar // Enviarán imaxes actualizadas á Demarcación de Costas

Coincidindo co Día Mundial dos Humedais, o Concello de Carballo lembra a necesidade de seguir avanzando no desenvolvemento sostible de Baldaio, un dos espazos naturais máis importantes de Galicia. Ata alí se achegaron este martes o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, e lembraron que o pasado 2 de febreiro de 2020 “non foi unha data de celebracións”, xa que a acumulación de toneladas de area na canle que comunicaba a lagoa co mar provocou unha crise ambiental, social e económica que obrigou ás Administracións competentes -Estado e Xunta de Galicia- a realizar unha intervención de urxencia para recuperar esa zona de confluencia natural entre a auga doce e a salgada.

Un ano despois, a canle segue aberta, aínda que co seu curso modificado, creando un gran meandro na desembocadura. Aínda que, polo momento, mantense a comunicación entre a lagoa e o mar, o alcalde aproveitou para enviar unhas imaxes actualizadas da zona á Demarcación de Costas, para evitar que se repita a situación do ano pasado.

O Concello de Carballo está a disposición das Administracións competentes para colaborar na adopción das medidas que garantan a conservación dos valores naturais de Baldaio e das actividades residencial e económica que, “dun xeito sostible, tamén se veñen desenvolvendo na zona”, afirman. Ao mesmo tempo, siguen traballando na ordenación sostible da contorna mediante instrumentos como o Plan Especial de Pedra do Sal, que se presentará en breve para a súa aprobación inicial e que definirá o desenvolvemento urbanístico dunha área de 330.000 metros cadrados de solo rústico e de núcleo rural nun horizonte de 16 anos.

Tendo en conta todos os condicionantes existentes no ámbito o Plan Especial de Pedra do Sal “pretende mellorar o núcleo, os servizos dos que dispón e as dotacións e equipamentos; ordenar o bordo litoral para o uso das praias e preservar e protexer a paisaxe e os espazos naturais”, sinalan dende o Concello.

02 feb 2021 / 17:40
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.