Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Tramitados case doce mil DNI e pasaportes o pasado ano en Carballo

A xestión deste tipo de documentos é unha das excepcións ao peche perimetral

Carballo. A Unidade de Estranxeiría e Documentación da Policía Nacional, que ten a súa sede na planta baixa da casa consistorial de Carballo, tramitou o ano pasado un total de 11.855 documentos, un 17 % menos que en 2019.

Malia o peche da oficina durante o pasado mes de abril, só se tramitaron 813 carnés de identidade menos que o ano anterior, pero o descenso explícase pola cifra de pasaportes, que se reduciu a menos da metade, xa que, como consecuencia da caída en picado das viaxes, pasou de 2.857 a tan só 1.252.

A media mensual en 2019 superaba os 1.000 documentos, pero o ano pasado baixou ata os 883 debido á redución drástica da actividade durante o estado de alarma. En marzo aínda se tramitaron 606 documentos (482 DNI e 124 pasaportes), pero en abril a oficina estivo pechada e non se realizou ningún, e en maio foron só 48 DNI e ningún pasaporte. A actividade empezou a remontar en xuño, con 921 documentos.

O servizo cumprirá catro anos o 20 de marzo, e dende a súa posta en marcha mantén

unha actividade moi elevada. Entre o 20 de marzo de 2017 e o 31 de decembro de 2020 foron tramitados máis de 50.000 documentos.

A maior parte das persoas que utilizan o servizo son veciños e veciñas da comarca de

Bergantiños, pero a oficina de Carballo xa é un punto de referencia a nivel supracomarcal. Segundo informan dende o servizo, a tramitación do DNI ou o pasaporte é unha das excepcións ás restricións de mobilidade vixentes dende este venres no concello. Abonda con presentar o xustificante da cita que se envía a todas as persoas usuarias ao teléfono móbil, tanto se a solicitan por teléfono a través do 060 como por Internet dende a páxina www.citapreviadnie.es ou mesmo de xeito presencial nas dependencias situadas na planta baixa do consistorio, con acceso directo dende a rúa Cervantes.

A oficina está aberta de luns a venres de 08.30 a 14.30 horas, xa que a partir do estado de alarma ampliouse o horario de atención.

ADAPTACIÓN. Por outra banda, a concellaría de Deportes de Carballo vén de adaptar os horarios das instalacións deportivas e a carta de servizos ás novas restricións. Os cambios poden consultarse na web carballo.gal. M. L.

15 ene 2021 / 19:05
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.