Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Tres estreas absolutas e a obra ‘Déjà vu’ no FIOT

A trinta edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo afronta a súa primeira fin de semana de outubro con tres estreas absolutas e a apertura do Programa de Sala da man dunha das compañías máis queridas polo público carballés: a Cía. Manolo Alcántara presentará Déjà vu, peza gañadora do FETEN 2021 á adaptación de técnicas circenses á nova dramaturxia. A cita é o sábado no Pazo da Cultura, ás 20.30 horas. Mais a fin de semana comezará coa estrea absoluta de O espello que arde (venres 1 de outubro, ás 19.00 e 20.00 horas), o proxecto protagonista da segunda edición do FIOT Fónico, a liña de programación coa que o certame experimenta con novas linguaxes e conxuga as artes escénicas co espazo urbano: o FIOT Fónico procura introducir á cidade no teatro a través das posibilidades que ofrecen as novas ferramentas tecnoloxicas. Así, o espazo público de Carballo torna en protagonista da escenografía dunha peza de trama policíaca que se pode escoitar a través de dispositivos móbiles e que, nesta ocasión, é obra de María Lado.

O espello que arde é unha sorte de ‘spin-off’ de A lúa, válvula de spray, o espectáculo que abriu o pasado 2020 o FIOT Fónico, e que parte da personaxe de Leo (interpretada por Santi Romay). Unha sucesión de feitos, cunha investigación policial polo medio, conforman a trama desta función sonora.

A estrea absoluta de O espello que arde, que terá lugar nunha sesión especial o venres 1 ás 19.00 horas, contará coa participación do director e responsable do espazo sonoro, Marcos PTT, a autora, María Lado, o director, Quico Cadaval, e algúns dos intérpretes desta experimentación sonora. As funcións desta nova peza do FIOT Fónico terán lugar todos os venres e sábados de outubro, ás 19.00 e 20.00h, así como os domingos e festivos do mes (día 12), ás 13.00 e 19.00 horas.

A nova edición do FIOT Fónico acompañarase, tamén, da recuperación da primeira edición, presentada o pasado outono: A lúa, válvula de spray, unha dramaturxia de Rosalía Fernández Rial dirixida por Quico Cadaval e que contou, no seu reparto, con Melania Cruz, María Roja e o propio Santi Romay. O público terá á súa disposición esta peza nos seus dispositivos móbiles, de forma gratuíta a través da app Carballo a un paso, e poderá realizar o paseo sonoro de xeito individual e sen necesidade de solicitar cita previa.

Estreas na Rúa dos Contos

Por outra banda, a proposta máis atrevida e retranqueira do FIOT, a Rúa dos Contos, contará esta fin de semana con dúas estreas absolutas: Desta sairemos mellores, que Ángela Triana interpretará o 1 de outubro, ás 21.00 h, no Espazo Xove de Carballo; e A parábola do anganzo, de Talía Teatro, que a compañía presentou este mércores no Pazo da Cultura acompañada polo director do FIOT, Alberto Sueiro, e o concelleiro de Cultura de Carballo, Marcos Trigo.

A peza (que poderá verse o sábado 2, ás 22.00 horas, e o domingo 3, ás 19.00 h, no Salón de Actos do Pazo da Cultura) parte dunha recollida polo Padre Sarmiento no século XVIII, na que un mozo que emigra a Castela, á súa volta ao fogar, esquece a súa lingua nai: o galego. Talía Teatro leva a escena unha comedia para público xuvenil e adulto dirixida por Diego Rey e protagonizada por Artur Trillo e Toño Casais, na que os dous intérpretes farán unha viaxe pola historia da nosa lingua, a través dun diálogo fluído e cargado de humor, enlazando episodios do noso pasado para explicar o que sucede no noso presente. Precisamente Talía Teatro -compañía gañadora do Premio do Público 2010- desenvolveu, nas últimas semanas, unha residencia no Pazo da Cultura para a preparación deste novo espectáculo, unha proposta áxil e versátil, con textos de Araceli Gonda, Sechu Sende, Ana Carreira ou María Lado, entre outras voces. Ademais, tal e como recordou Alberto Sueiro, A parábola do angazo será o eixo da programación do FIOTeen, dirixido especificamente aos adolescentes da comarca e que se desenvolverá nas últimas semanas de outubro.

O programa da Rúa dos Contos para esta fin de semana completarase con funcións de Sexo débil, o carallo!, de Arantxa Treus (día 1, no Casino 1889, ás 23.00 horas) e Camiños, de Paula Carballeira (domingo 3, ás 20.00 horas, no Mercado Municipal).

Comeza Teatro de Rúa

Este venres, 1 de outubro, tamén dará comezo outra das liñas de programación do FIOT abertas a todos os públicos: Teatro de Rúa, o programa de artes escénicas e artes circenses que se espalla polas rúas de Carballo. A compañía galego-arxentina A Vela Circo será a responsable de presentar ao público o seu primeiro espectáculo A corda, cunha orixinal e divertida posta en escena ateigada de circo do absurdo, caos, humor e poesía para toda a familia.

Venda de entradas para o Programa de Sala

Este martes, 28 de setembro, activouse a venda dos bonos do Programa de Sala, os billetes para todos os espectáculos desta liña de programación, entre os que se inclúen as propostas de Manolo Alcántara, Yllana ou Ron Lalá, entre outras, e que terán lugar a partir do 2 de outubro no Pazo de Cultura de Carballo. Os bonos esgotáronse nunha hora. O xoves, 30 de setembro, a partir das 17.00 horas, sairán á venda as entradas individuais para o Programa de Sala e tamén para outra das grandes novidades desta 30a edición: o FIOT en Ruta, dous espectáculos coas compañías Berrobambán (A carreta pantasma) e Chévere (As fillas bravas e o mito de Casandra) e que terán lugar os días 8 e 12 de outubro nos centros sociais de Cances e Berdillo.

29 sep 2021 / 22:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.