Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Urxen o reforzo da ponte que permite aos camións chegar á rula malpicana

O Concello de Malpica solicitou a colaboración da Xunta para mellorar a rede de infraestruturas. Unha das prioridades é actuar canto antes no apuntalamento da ponte da dársena, que permanece pechada ó tráfico na actualidade e que está a producir graves consecuencias na economía local. O alcalde, Walter Pardo, e o concelleiro de Benestar, Sergio García, mantiveron unha reunión co delegado territorial, Gonzalo Trenor, ao que trasladaron a “necesidade de actuar coa máxima celeridade posible e reducir os prazos” para que os camións poidan atravesar a vía para chegar á lonxa. “Moitas familias de Malpica dependen directa e indirectamente desta actuación, polo que instamos a Portos a facer un esforzo”, destacou o rexedor. Na reunión tamén avaliaron as deficiencias da rede de saneamento, especialmente en Beo, e que foron postas de manifesto no Plan Director encargado polo Concello e presentado este mes.

Outra das demandas é a instalación dun tanque de tormentas próximo á estación depuradora de Malpica, que “está a asumir un volume de traballo superior ó normal debido a filtracións de auga limpa, polo que esta intervención diminuiría o seu consumo e incrementaría a eficiencia”, asegurou o rexedor.

Pardo situou tamén como prioridade do Concello a seguridade viaria na contorna do CEIP Joaquín Rodríguez Otero, de Buño, e do CEIP Milladoiro, de Malpica. Propoñen habilitar un paso de peóns iluminado e un sistema de semáforos para regular o acceso de vehículos nas horas de saída e entrada dos centros. Tamén plantexaron ao responsable autonómico melloras en varias estradas e vías de servizo de titularidade autonómica coas que facilitar o tránsito de peóns e reducir a velocidade dos vehículos.

O alcalde agradeceu a disposición do delegado territorial, que se desprazou ata Malpica para comprobar de primeira man a necesidade destas intervencións. “Agardamos que se atendan as nosas solicitudes e poder contar co apoio económico da Administración autonómica”, concluíu.

28 abr 2021 / 18:49
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.