Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Victoria Martín e Carolina Iglesias conquistan o palmarés do Carballo Interplay con 'Válidas'

Antón Varela gaña o de mellor serie en versión orixinal en galego e a produción portuguesa 'Subsolo' faise co galardón internacional

A sétima edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se celebrou por primeira vez integramente en Internet, pechou o telón na noite do sábado coa gala de entrega de premios ás mellores webseries dun concurso pioneiro que xa é todo un referente e que este ano permitiu que o público puidese ver e votar as series finalistas da súa Sección Oficial a través da rede.

O xurado composto por Brays Efe, Alfonso Zarauza, Fernanda Tabares, Guillermo V. Zapata e Andrea Gumes outorgoulle o premio a Mellor webserie estatal, dotado con 800 euros e trofeo, a ‘Válidas’, a serie na que Victoria Martín (Living Postureo) e Carolina Iglesias (Percebes y grelos) fabulan a vida de dúas cómicas que participaron en multitude de proxectos, pero ás que ultimamente nada lles sae ben. As Victoria e Carolina da ficción fan todo o posible por conseguir notoriedade. Todo vale.

A animación divulgativa de Antón Varela 'Os 20 do XX' conquistou o premio de Mellor webserie en versión orixinal en galego, dotado con 800 euros e trofeo, e o de Mellor webserie internacional, dotado tamén con 800 euros e trofeo, foi para ‘Subsolo’, unha serie portuguesa que conta un día na vida de cinco adultos novos con Lisboa como pano de fondo, os seus problemas financeiros e dúbidas existenciais, situacións incómodas e íntimas. Cada episodio segue unha personaxe diferente, algúns deles crúzanse e outros nunca se ven.

Egoitz Diaz gañou o premio AGAG ao mellor guión, dotado con 200 euros e trofeo, por 'Ixa', unha serie xuvenil composta por historias independentes en torno ao uso do tempo e aos non-lugares, gravada en formato vertical favorecer a visión no móbil e que nace co obxectivo de fomentar o uso do euskera entre a xente máis nova.

E Alvaro Carmona conquistou o premio CREA á mellor dirección, dotado con 200 euros e trofeo, pola segunda temporada de 'Gente Hablando', unha serie que trata temas universais a través de conversas cotiás entre dúas ou máis personaxes e que o ano pasado conquistara os premios do público e guión, tamén para Álvaro Carmona. O xurado tamén destacou o traballo nesta serie de Raúl Fernández de Pablo co Premio ao mellor actor.

O premio á mellor actriz foi para a galega Anxela Ríos por 'Destapando Casares', un thriller transmedia que constrúe un clima de desconfianza arredor dos segredos das persoas que conviven na Universidade Carlos Casares.

O xurado novo, composto por Laura Mendez, Antía Suárez e Jaime Regueiro decidiu outorgar o seu premio, dotado con 400 euros e trofeo, a 'Pikuak', unha serie en euskera sobre tres mulleres novas divertíndose e loitando xuntas.

O público, pola súa banda, concedeu cos seus votos o Premio do Público, dotado con 400 euros e trofeo, a 'Válida'.

PREMIO AO MELLOR PROXECTO DE WEBSERIE EN GALEGO

Reunido en Carballo o xurado composto por Alfonso Zarauza, Lorena Iglesias, Antón Varela e María Yáñez decidiu outorgar o Premio ao mellor proxecto de webserie en galego, dotado con 3.000 euros para a produción dos tres primeiros capítulos, a 'Cacola', un proxecto de webserie de animación 2D dixital de David Fidalgo, director, guionista, animador, director de arte e montador de varias curtas e videoclips de animación. Cunha estética cartoon con cores planas e animacións irreais, os capítulos de 'Cacola' presentarán historias autoconclusivas duns 30 segundos cun ton de comedia absurda na que todo pode pasar.

22 nov 2020 / 05:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.