Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O muralista vigués rematou un novo traballo de composición onírica e surrealista nunha fachada da Praza da Constitución // Quixo representar nunha metáfora os camiños da vida e o coñecemento // Tardou 18 días en elaboralo TEXTO Claudina Estévez

A arte urbana de Peri Helio enriquece a imaxe de Caldas

A arte é sinónimo de beleza, creatividade ou imaxinación. Uns atributos que hoxe en día saen dos museos e das vivendas particulares para deixarse ver tamén na rúa. Se hai un tempo unha parede pintada era vista como un acto de “vandalismo”, hoxe a realidade é outra, e son moitos os artistas demandados para erradicar o feísmo que producen moitos edificios vellos. As mans dun pintor son capaces de alegrar a máis triste das fachadas e un bo exemplo disto está en Caldas de Reis.

O recoñecido muralista vigués Peri Helio vén de rematar a que é a súa quinta e maior creación artística no casco urbano da vila termal. Unha fachada situada na Praza da Constitución loce un novo mural de composición onírica e surrealista no que o autor quixo representar nunha metáfora os camiños da vida e o coñecemento. A obra mostra un labirinto unicursal, un tipo de labirinto moi presente en diferentes civilizacións e culturas antigas que representa os camiños do coñecemento e, ao mesmo tempo, fai referencia a un multiverso no que se plasman os diferentes camiños que un percorre ao longo da súa vida misturando estes dous conceptos nunha metáfora que conforma a composición.

O autor tamén quixo plasmar na obra o Camiño de Santiago, tan importante para o municipio. Nese caso, o Camiño foi historicamente unha entrada a Galicia de diferentes culturas a través da peregrinación. Nesa peregrinación cada persoa vive as súas propias experiencias e avanza nun máis profundo coñecemento persoal que dese modo tamén se representa no mural.

Na obra tampouco faltan escenas e personaxes que fan referencia a Caldas, entre elas elementos animais e vexetais como as libélulas, pois Peri entende que para alcanzar o coñecemento é fundamental observar e profundizar sobre a natureza e o mundo que nos rodea.

As grandes dimensións do mural, sobre unha fachada de 15 metros, fixeron que o artista tardase 18 xornadas de traballo en rematalo. Esta obra enmárcase dentro do festival de arte público Kaldarte, que este ano alcanzou a súa 24 edición e foi financiado pola Deputación de Pontevedra.

Peri Helio é licenciado en matemáticas na especialidade de astronomía. De formación autodidacta, a súa traxectoria pictórica nace estreitamente ligada á arte urbana e ao espazo público. Bebe dun imaxinario complexo e variado no que establece un vínculo entre as súas experiencias persoais e os seus intereses artísticos, o que determina que tanto a xeometría como a astronomía estén profundamente arraigadas no vocabulario metafórico da súa obra. Crítico coa sociedade actual, filósofo visual da condición humana, cunha profunda conciencia ecolóxica e, sen lugar a dúbidas, observador da natureza e os seus cambios.

Inmerso no panorama da arte urbana galega, este artista vigués fixo numerosos murais e exposicións tanto individuais como colectivas ao longo da súa carreira, mostrando a súa obra en cidades de Galicia, Italia, Portugal e diversos puntos da xeografía española.

CULTURA QUENTE Por certo que este martes rematan as festas patronais na honra a Santa María e a San Roque organizadas cunha programación adaptada ás condicións sanitarias e cun cartel de actividades e música en vivo reforzado baixo o nome do emblemático festival Cultura Quente. Os vigueses Broken Peach e a coñecida banda caldense Igloo ofrecerán os derradeiros concertos das festas a partir das 21.30 horas na Carballeira. O alcalde, Juan Manuel Rey, animou a toda a veciñanza e aos visitantes a desfrutar das actuacións nun espazo bucólico como a Carballeira “que se está demostrando como un colector cultural fantástico e acolledor”.

O rexedor destacou “o gran nivel artístico destas festas en novo formato” aludindo á firme aposta do goberno municipal “por conservar unha programación estival de calidade tamén nestas circunstancias sanitarias especiais”. Agradeceulle á cidadanía a responsabilidade amosada durante os festexos.

17 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.