Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O escritor visitou ao alumnado do CEIP O Foxo para presentar a nova obra, que alberga ilustracións renovadas e máis texto // O traballo enmárcase na literatura infantil e xuvenil e está dirixido á rapazada de entre 10 e 12 anos TEXTO A. Prada

A Estrada recibe a Miro Villar, que reedita ‘O nariz de Fiz’

O poeta, narrador, crítico literario e profesor en lingua galega e literatura Miro Villar visitou o CEIP do Foxo, na Estrada, para presentar a reedición do libro de literatura infantil e xuvenil O nariz de Fiz. A obra fora editada no ano 2009 pola Deputación de Ourense a raíz dun premio, e agora renace cun lavado de cara completo, posto que se modernizaron as ilustracións, de man de Emanuel Lomeña, e tamén se ampliaron os textos.

Este renovado traballo, editado por Galaxia, foi presentado no CEIP do Foxo “porque é un centro escolar moi dinámico e activo no ámbito da literatura”, sinalou a este xornal o autor, Miro Villar. “A idea nun principio era presentalo nas librarías, pero debido á pandemia escollemos a opción dos colexios”, revela o escritor. De momento, teñen previsto seguir mostrando a obra en máis centros escolares, entre os nenos e nenas de 10 e 12 anos, pero aínda non hai nada concreto sobre as datas.

“Estou moi satisfeito coa acollida que me deron no CEIP do Foxo”, comenta Miro Villar. “Tanto a comunidade educativa como a rapazada estiveron moi implicados e fixen de escritor itinerante, posto que tiven que ir desprazándome por distintas aulas ao estar divididos en grupos reducidos. Foi moi bonito”, relata. Asemade os escolares tiñan preparadas distintas actividades para amenizar a visita do escritor. Entre outras, “xogaron cos meus textos a varias voces e incluso plantamos un limoeiro, que ten un significado moi especial para min”, relata. Tampouco faltaron as propostas musicais, coa axuda dos docentes do centro.

O nariz de Fiz conta a historia dun neno que vive nunha aldea do rural e que é moi miudiño pero ten unha estrana habelencia no nariz que o vai converter en protagonista de emocionantes aventuras. “No relato ten gran importancia o colexio rural, de aí que tamén escollésemos O Foxo para dar a coñecer o novo traballo ao público”, conta o autor.

Miro Villar, nado en Cee en 1965, admite que se considera poeta, pero que “cada historia pide ser contada nun xénero” e por iso, a súa longa traxectoria recolle traballos que van máis alá da poesía. Miro é autor de varias edicións críticas, como a Antoloxía poética de Gonzalo López Abente (1995), Unha lectura de O soño sulagado (1998), de Celso Emilio Ferreiro, Orballo da medianoite (1998),de Roberto Blanco Torres, A poesía galega de Xervasio Paz Lestón (1998), Indo para máis perto. A señardade no puño de Alexandre Cribeiro (2004), A roseira da soidade de Antón Zapata García (2005), Poesía galega completa e textos en prosa de Emilio Álvarez Blázquez (2005) ou Ser auga, darse en auga. Antoloxía poética de Bernardino Graña (2010). Xa no eido da literira infantil e xuvenil, a parte de O nariz de Fiz, publicado no 2009 e reeditado este ano; conta con outros títulos: a serie Carlota, a marmota (2000), Carlota e a bota perdida (2003); Carlota e a gaivota patiamarela (2006). Tamén A cobiza do verme Noel, Rebelión na charca ( 2012) e A pantasma da casa da Matanza (2013).

Por último, no xénero que máis representa ao autor atopamos variedade de obras, e moitas delas galardoadas: Ausencias pretéritas (1992); 42 décimas de febre (1994); Abecedario da desolación (1997; premio Tívoli-Europa 1998); Equinoccio de primavera (1998; finalista do premio Tívoli-Europa 1999); Gameleiros (2002) e As crebas (2011, premio Concello de Carral). Miro Villar foi mereceder de recoñeidos galardóns como o Modesto R. Figueiredo, Premio Esquío de Poesía, Tívoli Europa, o Ánxel Casal o da Asociación de Escritores en Lingua Galega e o de poesía de Carral.

26 dic 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.