Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A estatua apareceu o pasado 29 de decembro na praza do Concello para sorpresa dos estradenses // A obra rouboulla ao artista, Manuel Lago, o seu fillo o Día dos Inocentes // Dous terzos do seu valor serán doados ós hostaleiros TEXTO Sol Elvira

A praza da Estrada quédase co peregrino da ‘trastada’ de Xoán

A que xa pasará a historia da Estrada como a “estatua da trastada de Xoán” quedarase definitivamente na praza do Concello da vila pontevedresa, na que apareceu de xeito anónimo o pasado 29 de decembro. O misterio deste peregrino de metal aclarouse semanas despois da súa aparición e tras uns meses exposta na praza causando gran expectación entre os estrandeses. Onte o Concello anunciaba, xunto ao seu autor, a adquisición dunha estatua que, tralos últimos retoques que lle dará o artista, pasará a formar parte de patrimonio local.

A historia deste peregrino de metal de 1,8 metros de altura non ten desperdicio. Obra dun xubilado do metal, Manuel Lago Román, natural de Vigo pero afincado na Estrada desde hai anos, foi creada polo artista para dar a coñecer o seu traballo aos veciños e coa esperanza de que algún día fora colocada nalgún tramo do Camiño dos Arrieiros. “Agora teño moito tempo libre e fago cousas na casa, e de aí xurdiu a idea de facer a estatua co obxectivo de que o Concello lle dera un lugar no Camiño... Pero foi cando veu a trastada de Xoán...”, explicaba onte no Concello Manuel.

“A trastada penseina un domingo tomando un vermú cos amigos, era o Día dos Inocentes e pensei ¿e si lle roubamos a estatua do peregrino a meu pai e a levamos á praza do Concello? Dito e feito. Ás 5.45 da mañá do día 29 deixámola na praza, xunto aos adornos navideños”, relatou Xoán Lago Blanco, que necesitou a axuda doutras tres persoas para trasladar a pesada peza. Un “secuestro” moi ben aceptado pola xente da Estrada que observaba a peza tratando de descubrir o seu segredo.

A estatua causou tanta expectación que o Concello decidiu indagar e buscar aos seus propietarios e porse en contacto con eles. Contactos que fructificaron onte cun acordo de compra polo que o Concello pagará uns 3.000 euros pola estatua que, en principio, seguirá colocada no mesmo punto da praza do Concello na que foi deixada.

Así o confirmou onte o tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, Juan Fontenla, que destacou o valor de obra de Manuel Lago, “que desaparece uns días porque o artista ten que rematar algunhas cousas que quedaron sin facer polo secuestro... pero que a partir de agora formará parte do patrimonio da Estrada”.

Fontenla puxo en valor o bo facer de Manuel Lago e dos detalles que se observan na estatua: gafas, sombreiro, bastón do peregrino e a que non lle falta é, por suposto, uns dos elementos que desde fai un ano forman parte da vida cotiá dos cidadáns; a máscara.

SOLIDARIDADE Padre e fillo quixeron aproveitar onte a ocasión para dar o seu apoio a sectores como o hostaleiro que se están a ver moi afectados pola pandemia sanitaria. “Por elo queremos que parte do diñeiro, 2.000 euros, vaia para este sector. É o noso graniño de area”, indicou Xóan, que recoñeceu que os outros mil euros, probablemente, “tamén irán ao bar”.

Cinco meses tardou o xubilado estradense en contruir esta estatua cun material o que lle quere dar visibilidade: a varilla corrugada. “É un material moi usado na construcción, pero sempre está oculto polo cemento”. E a Lago dalle vistosidade e manéxao ao seu antollo.

27 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.