Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Kaldarte, que chega á súa 24 edición, amosa oito intervencións artísticas efímeras en diferentes formatos seleccionadas entre as 68 que se presentaron // Murais, performances, accións de rúa, instalacións ou fotografía utilizando soportes publicitarios sorprenden ós veciños TEXTO Manuel Boo

Arte a esgalla nas rúas de Caldas

Esta semana inaugurouse cun percorrido interpretativo a mostra de arte pública Kaldarte, que chega á súa 24 edición, e utiliza os espazos públicos de Caldas para amosar oito intervencións artísticas efímeras, de diferentes formatos: murais, performances, accións de rúa, instalacións, fotografía utilizando soportes publicitarios... Este ano presentáronse 68 proxectos e foron seleccionados oito obras a cargo de máis dunha ducia de artistas.

Dende Nova Zelanda a artista Anna Borrie propuxo unha instalación-obradoiro con rapaces da vila no río Bermaña para concienciar sobre os problemas ambientais e a nosa relación cos residuos. Plantas en perigo de extinción en Galicia foron replicadas co único material que existiría na sociedade do futuro, os residuos, xunto á ponte romana de Caldas.

O vigués Peri Helio está a elaborar un gran mural de máis de 25 metros subvencionado a Kaldarte pola Deputación de Pontevedra na Praza da Constitución. A partir da concepción do laberinto ou torre de Babel como o camiño da vida establece unha identificación a nivel conceptual co Camiño na que o peregrino aparece como elemento representativo da humanidade na búsqueda do coñecemento.

Un colectivo do alumnado do CPI Alfonso VII traballou nun proxecto multidisciplinar de lingua galega e artes plásticas coordinado pola profesora Liliana Lista, que pon en valor as mulleres visibles ou invisibles que escolleron a vía artística como fuxida dos roles impostos na sociedade, traballando sobre obras de Maruja Mallo, Berta Cácamo e Menchu Lamas.

O artista plástico de Vigo, Alberto Santos, ASH, realizou na Carballeira a instalación e performance Positive Sinking cun barco que está a afundirse cun sorriso, utilizando diversos soportes como publicidade, música, pintura, etc.

A artista limiá Estefanía Alonso presentou o proxecto Yo sé cuánto te dueles en forma de pegada de carteis pola vila e en formato de fotografías tratadas sobre valla publicitaria, que denuncia a violencia sobre as mulleres.

O colectivo artístico Decandentes, integrado por Elena Ibáñez, Nesi Maneiro e Irene Lorenzo, realizou un mural de marca surrealista na rúa da Pena no que enraizan e fusionan costumes, lendas e tradicións de Galicia e de Cantabria, as súas terras de orixe.

A artista Sandra Julve realizou una performance de 24 horas no lavadoiro termal de Caldas na que comparte os saberes transmitidos pola veciñanza a través dun ritual coreográfico de limpeza individual e colectiva utilizando hidrolatos feitos con plantas locais.

A artista e ilustradora cántabra Sara Pérez realizou un mural adicado á muller na rúa das Monxas, destacando os valores da igualdade entre xéneros, a diversidade fronte cánones de beleza impostos, ou a liberdade para tomar decisións conscientes sen límites impostos. Este mural está subvencionado polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

09 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito