Caldas acondiciona o núcleo tradicional rural de San Martiño
O proxecto, que afecta a 340 metros lineais de vial e 1.265 metros cadrados de superficie, foi informado favorablemente por Patrimonio
O alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, visitou xunto co concelleiro de obras, Manuel González, e o concelleiro delegado de Arcos da Condesa, Jacobo Pérez, as obras de acondicionamento iniciadas no vial interior do núcleo de San Martiño, que estaba degradado e requería a súa renovación.
As obras foron adxudicadas polo Concello de Caldas á empresa Construcciones Filloy, SA por un importe total de 52.414 euros e finalizarán este mes de outubro. A actuación afecta a 340 metros lineais de vial cunha superficie total de 1.265 metros cadrados. O novo pavimento continuo será de formigón armado pintado en cor ocre, con acabado superficial pulido e posterior rallado con cepillo, combinado con franxas perpendiculares de pedra de granito gris e tamén lonxitudinais, que son as que estarán en contacto cos muros e vivendas lindantes. Instalaranse tamén colectores enterrados e sumidoiros con reixa.
O proxecto foi informado favorablemente pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. Coa realización das obras realízanse tamén de oficio as acometidas para o saneamento de diferentes solares.
O concelleiro delegado para Arcos da Condesa lembrou que estas obran foron moi demandadas pola veciñanza do lugar e proxectadas na lexislatura anterior de forma consensuada cos veciños e as veciñas. A necesidade de obter diversas autorizacións demorou a súa execución ata este ano. Estos labores están financiados polo propio Concello e contan cunha subvención da Xunta para a mellora de servizos municipais que foi aprobada este ano por Vicepresidencia.