Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Caldas decide pór en valor a igrexa de Santo Tomás

É obra do arquitecto Domingo Rodríguez Sesmero e ten unha gran relavancia histórica

O Concello de Caldas vén de anunciar que destacará á igrexa de Santo Tomás “na súa estratexia de promoción e desenvolvemento turístico da histórica Vila Termal no Camiño Portugués”, ao ser o único templo en Galicia dedicado a este santo e un dos poucos que existen en España. Segundo as informacións do historiador caldense Hipólito de Sa, Thomas Becket estaría en Caldas de Reis cara ao ano 1167 na súa peregrinación a Santiago desde Portugal polo camiño da costa, poucos anos antes da súa morte.

En Caldas aloxouse no antigo Hospital de Santiago, fronte á Burga. Por este motivo, pouco despois do seu martirio, adicouse unha igrexa a este santo, que cara ao ano 1890 sería derrubada para construír o templo actual, moito maior, que permitía acoller a unha poboación tamén superior e ao gran número de clientes dos balnearios e de peregrinos. O próximo 29 de decembro conmemórase o 850 aniversario do asasinato, en 1170, do arcebispo de Canterbury, Thomas Becket, a mans de catro nobres que seguirían as ordes do rei Enrique II, co que se atopaba enfrontado a pesar da súa antiga amizade.

A actual igrexa de Santo Tomás ten un gran interese patrimonial, pois é de estilo neomedieval e foi construída entre os anos 1890 e 1894 segundo o proxecto do arquitecto diocesano, Domingo Rodríguez Sesmero. El foi quen proxectou tamén xunto ao seu fillo Alejandro os edificios dos concellos de Pontevedra e Vilagarcía, así como o da Deputación de Pontevedra, entre outros moitos inmobles na provincia. “En Caldas os arquitectos Sesmero, representantes destacados do eclecticismo, tamén son os autores da Fonte da Burga de 1881, do primeiro edificio do asilo de Caldas de 1883 e probablemente das escolas públicas municipais da mesma época”, segundo apuntan fontes municipais.

“Lamentablemente, para construír a actual igrexa derrubouse en 1891 a Torre de Dona Urraca pero tamén neses anos a anterior igrexa de Santo Tomás, que se atopaba parcialmente sobre a actual plazuela (chamada historicamente Plazuela da Igrexa) e moi próxima á confluencia entre a rúa Real e a rúa Igrexa (que xa tiña este nome antes da construción da actual)”, apuntan. Precisamente, o Concello intentará restituír en planta a posición desa antiga igrexa para lembrar a súa presenza.

O goberno local procederá á interpretación do conxunto e dalgúns elementos singulares da igrexa de Santo Tomás como as xanelas da antiga Torre de Dona Urraca, á vez que se restaurará a placa de mármore de 1891 adicada ao arcebispo Martín de Herrera, un dos promotores da igrexa que dá nome ao conxunto da praza das palmeiras e a ‘plazuela’. O Concello vai incluír nos materiais de promoción turística e de interpretación do patrimonio a historia de ambas igrexas e os promotores da súa construción, como o alcalde Román López, o empresario Laureano Salgado ou o deputado Sagasta.

24 dic 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.