Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Caldas enfila a recta final para abrir A Tafona, o gran complexo termal ó aire libre

Impulsado polo Concello e a Deputación , ambos confían en que este plenamente operativo no ano 2022

Caldas. A Tafona, o complexo termal ao aire libre que impulsa o Concello de Caldas de Reis co apoio financeiro da Deputación, apura os últimos retoques para a súa entrada en servizo. O equipamento, que inclúe cinco pozas, afronta a recta final e estará plenamente operativo en 2022, unha vez que conclúan os remates. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitouno acompañada do alcalde, Juan Manuel Rey, e valorou a calidade do proxecto e a súa integración na paisaxe, nun lugar privilexiado ás beiras do río Umia, accesible e perfectamente integrado na vila.

A actuación foi financiada con diferentes achegas do Plan Concellos da Deputación cun investimento total de 437.766 euros. Nestes últimos meses estanse a executar as obras de peche exterior do recinto, firmes e pavimentos na zona de circulación, dotación de mobiliario para os espazos de vestiarios e recepción de visitantes, a montaxe dunha cascada de aceiro, iluminación dos vasos de baño e aposta a punto dos equipamentos hidráulicos. Tamén estase a completar o axardinamento exterior coas propostas realizadas pola Escola Galega de Paisaxe Juana de Vega. Silva destacou “o reforzo de primeira categoría que as pozas de A Tafona son para a potente oferta turística da provincia”.

Durante a visita ás obras destacouse tanto a calidade do deseño arquitectónico como a súa integración paisaxística coa contorna natural, ademais da proximidade coa Senda Verde, a ruta de 10 Km construída pola Deputación en colaboración cos concellos de Caldas, Vilagarcía e Portas sobre a antiga vía férrea.

O complexo termolúdico da Tafona está integrado por cinco piscinas, dúas delas de seis e oito metros de diámetro, outras dúas de cinco metros e unha quinta de dous metros, que contará con auga fría para gozar dos contrastes de temperatura. Todo o proxecto está baseado en deseños de estruturas circulares, incluído o edificio de recepción e vestiarios e tamén o que alberga as máquinas e instalacións. Preto del sitúanse equipamentos públicos municipais como a pista de pádel, o Centro Comarcal de Caldas e o aparcamento. María Rendueles

13 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.