Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Caldas finaliza mañá a reposición do muro de Segade de Abaixo

Actuouse nun treito de 20 metros de lonxitude e nos traballos interviron os canteiros de Poio

O Concello de Caldas de Reis ten previsto finalizar mañá as obras de reposición do tramo de muro de contención derrubado no camiño situado no núcleo de Segade de Abaixo, pertencente á parroquia de Santa María. O remate do proxecto producirase tras dous meses de actuacións, un período amplo pero necesario debido á grande dificultade de execución desta intervención, tanto polas condicións técnicas como polas limitacións de espazo do propio lugar. O proxecto foi realizado pola empresa Emdesfor 2002 SL e contou cun orzamento de 37.900 euros financiados integramente pola Deputación a través do Plan de Concellos.

A enorme complexidade da obra veu motivada tanto polas especificidades construtivas como polo dificultoso do terreo no que foi preciso actuar. Isto fixo necesario empregar maquinaria especial e adaptada ás características e ao escaso espazo da contorna. Ademais, necesitouse a coordinación continua da actuación por parte do Concello para garantir a continuidade na prestación aos veciños dos diferentes servizos e abastecementos afectados pola obra. Foi necesario regular as canalizacións de auga dende a ETAP e tamén as conducións eléctricas.

As obras realizadas consistiron na retirada dos restos do muro derrubado así como do firme, tanto do vial superior como dun camiño inferior peonil coa posterior xestión autorizada dos restos. A continuación cavouse o terreo para executar a zapata coa que se sostén o novo muro executado en bloques de granito de Arcade con acabado rústico e sen marcas de canteira, tal e como esixiu Patrimonio. As obras de reposición afectaron a un treito total de vinte metros de lonxitude e interviron canteiros especializados de Poio. As pavimentacións foron repostas mediante zahorra compactada e asfalto no vial superior e formigón sen colorante no inferior. Finalmente colocouse unha barreira de protección ante o importante desnivel que presenta ese entorno.

O muro de contención da pista existente en Segade de Abaixo, próxima ao río Umia, colapsou debido ás fortes chuvias e ás malas condicións meteorolóxicas que azoutaron a zona no último inverno. Tras o derrube, o Concello comezou a traballar de xeito inmediato na realización do proxecto técnico e nas xestións necesarias para poder obter as necesarias autorizacións sectoriais.

Esta barreira de contención atópase no entorno de protección do Muíño das Pontellas e da Pontella de Segade, bens patrimoniais catalogados no Plan Xeral de Ordenación Municipal, de modo que calquer obra que afecte ao seu entorno precisa autorización. Doutro lado, ao tratarse dunha actuación que se debeu realizar nunha zona de afección da marxe dun leito fluvial, tamén foi preciso contar coa autorización de Augas de Galicia.

17 sep 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.