Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Recibiu o premio Ruralka // Torre do Río está á beira do Umia, sobre unha antiga fábrica de papel TEXTO Víctor Furelos

Caldas ten o mellor hotel rural de España

O hotel Torre do Río de Caldas de Reis vén de conseguir o premio Ruralka que o distingue como mellor hotel rural de España. A colección de hoteis Ruralka, que cumpre 19 anos no sector do “turismo con encanto”, entregou os seus premios anuais nos que se distinguiu o aloxamento caldense como o número 1 entre os 6 hoteis premiados polo seu labor no ano 2020. A distinción ten en conta a sustentabilidade, a orixinalidade ou o factor de preferencia por parte do viaxeiro.

O Torre do Río sitúase no lugar de A Baxe, na parroquia de San Andrés de Cesar, moi preto da fervenza e da fábrica da luz de Segade. Atópase ubicado nun meandro que forma o Umia e completamente rodeado polo río. Foi construído a través da rehabilitación da que no século XIX fora a primeira fábrica de papel continuo de Galicia, que pasou a ser posteriormente unha fábrica de curtidos.

Este edificio ten un valor patrimonial e histórico moi importante, porén está incluído e protexido no Catálogo de Bens Culturais. A instalación fabril sobre a que se asenta actualmente o Torre do Río tivo unha actividade moi relevante entre finais do século XIX e comezos do XX.

O hotel destaca polas súas instalacións e servizos. Conta con habitacións con vistas ao río Umia e aos xardíns nas que o mimo, a decoración e o confort conseguen crear unha atmosfera única.

Como elementos destacados ten unha piscina natural con cascada, unha ponte de madeira sobre terrazas e un deseño integrado na natureza que, xunto coa atención personalizada, danlle un encanto único co discorrer da auga do río como banda sonora.

O alcalde, Juan Rey, contactou cos promotores do Torre do Río para darlles os parabéns por este novo recoñecemento. O rexedor destaca que “este tipo de distincións confirman que o encanto de Caldas se constrúe grazas ao esforzo conxunto da sociedade e do sector hoteleiro” e indicou que “grazas ao traballo a prol da singularidade do hotel Torre do Río conseguimos que Caldas se sitúe no mapa dos lugares máis fermosos, agradables e hospitalarios”.

15 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.