Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Organizaranse na biblioteca municipal catro funcións de contos, de maxia, música e marionetas dende este martes ao 3 de setembro // As prazas, limitadas, xa están esgotadas pero está aberta unha lista de agarda para anotarse TEXTO Claudina Estévez

Caldas usa a diversión para que os nenos se acheguen á lectura

Ler é, sen lugar a dúbidas, unha das actividades máis pracenteiras que se nos poden ocorrer. Un libro é sempre o mellor compañeiro de viaxes e a ferramenta máis útil para desatar a nosa imaxinación. Moitos foron os que descubriron as vontades deste hábito durante a pandemia, momento no que a vida social se viu reducida ao mínimo. E os que xa devoraban páxinas e páxinas de calquera xénero literario, investiron se cadra máis tempo libre nesta actividade. Precisamente para contaxiar aos máis pequenos das vantaxes de adquirir un bo hábito lector, a Biblioteca Municipal P. Martínez Ferro organiza actividades variadas para público familiar na xa coñecida programación da Biblioteca no xardín, na que as propostas lúdico culturais e de animación á lectura se trasladan ao xardín botánico que se sitúa a beira do centro bibliotecario. Polo menos así está previsto na función deste martes, pero as outras faranse previsiblemente no auditorio municipal (sito tamén ao lado), a causa do mal tempo.

Nesta ocasión, as propostas están confinanciadas pola Xunta de Galicia, a través do programa Ler Conta Moito. Organizaranse un total de catro funcións de contos, maxia, marionetas e música que terán lugar entre este martes 31 de agosto e o 3 de setembro ás 12.00 horas, dirixidos a público familiar e atendendo a todas as medidas de seguridade establecidas fronte á COVID. Segundo informan dende o centro bibliotecario xa están esgotadas as prazas, pero está aberta a lista de agarda, polo que os que desexen probar sorte poden anotarse de maneira presencial ou chamando ao número 986 53 06 04 entre as 09.00 e as 14.00 horas.

Este martes terá lugar o espectáculo Unha maxia diferente de Paco o Mago, orientado para maiores de 5 anos. Trátase dunha obra que persegue promover a igualdade de xénero. E é que trata temas como a violencia ou o machismo e traslada valores como a igualdade entre mulleres e homes, o amor e o respecto. O humor e a interacción co público son dúas das claves desta montaxe, que sempre resulta ser un éxito rotundo entre o público.

O mércores día 1 (para maiores de 4 anos) será a quenda de O arquivo do chivo, de Pablísimo, un espectáculo de teatro, monicreques e narración oral onde todas as historias se contan con palabras e os personaxes aparecen nas mans.

Ao día seguinte, xoves 2 de setembro, Expresión Producións achega Contoaventuras, unha iniciativa de animación á lectura, con maxia, contos, monicreques, cancións, participación do público, e moita diversión. Está destinada a nenos con máis de 4 anos.

Pecharase a programación o venres 3 de setembro con Flipa cos contos de Bandullo Azul, unha sesión de contos dirixida a toda a familia composta de historias tradicionais, música e humor. A concelleira de Cultura, María López, salientou que “unha vez máis estamos diante dunha programación moi atractiva de actividades infantís nun formato novidoso que conxuga natureza e cultura, que está funcionando moi ben”. A edil considera “un auténtico privilexio poder contar cun espazo con tanto encanto como o Xardín Botánico ao que trasladar as propostas culturais infantís nesta época” e sinalou que “se trata dun lugar estratéxico por atoparse ao lado da biblioteca no que ademais podemos facer cumprir con maiores garantías as medidas de distanciamento e seguridade fronte o coronavirus”. Sen dúbida, unha programación moi completa que logra, a través da diversión, achegar aos máis pequenos á maxia dos libros.

31 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.