Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Cuntis e A Estrada priman turismo e agroforestal nas axudas europeas

Alcaldes e técnicos avanzan no proxecto común para acollerse ás liñas comunitarias

Cuntis. O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, desprazouse onte á Estrada acompañado de técnicos municipais para manter unha segunda xuntanza co rexedor estradense, José López, dirixida a seguir avanzando na definición dun proxecto común co que optar conxuntamente á obtención de fondos europeos. O alcalde informou de que existe un gran número de propostas formuladas entrámbolos dous concellos que terían cabida en diferentes liñas comunitarias.

Non obstante, Cuntis e A Estrada avanzan que os eixos principais de actuación deste proxecto común pasan pola mellora dos aproveitamentos agroforestais como elemento de dinamización socioeconómica para o rural e no impulso do turismo de interior. Ambos municipios gardan unha enorme potencialidade nesta materia e, por iso, unha das ideas é impulsar actuacións dirixidas á recuperación de terras agrarias e ao desenvolvemento de cultivos e aproveitamentos agroforestais sustentables como a produción de castaña e sidra.

Doutra banda buscaríase a potenciación e posta en valor dos principais recursos naturais enfocados ao turismo sustentable de interior e de aventura cunha aposta clara polo potencial que teñen os recursos fluviais dos ríos Ulla e Umia. A partir destas ideas irán elaborando un plan estratéxico de actuación que permita acollerse a algunhas das múltiples liñas de fondos.

Campos fixo unha valoración moi positiva da xuntanza, tanto polos avances que se foron producindo como pola cordialidade do encontro. O alcalde sinala que “Cuntis e A Estrada somos dous municipios dunha extensión moi importante que temos que fixar poboación, e no desenvolvemento rural a través da creación de sinerxías entre os dous territorios atópanse moitas oportunidades para acadar estes obxectivos”. Así, adiantou que seguirán convocando reunións “para profundizar e seguir avanzando no proxecto común”. s.e.

25 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.