Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Fase final de obras no parque Irmáns Dios Mosquera de Valga

A humanización desta zona de ocio e recreo inclúe un carril-bici e un auditorio ao aire libre

O proxecto de mellora e humanización do Parque Irmáns Dios Mosquera de Valga atópase na súa fase final de obras, con algunhas das principais actuacións avanzadas ou a piques de rematar. É o caso do auditorio ao aire libre, o carril bici ou o parque infantil. O escenario e a bancada do auditorio construíronse separados polo regato que atravesa o parque e sen que supuxeran unha alteración do entorno, xa que os chanzos quedaron integrados no propio desnivel físico do terreo. No tocante ao carril bici que bordea o parque, ten carácter de circuíto pechado pero, ao mesmo tempo, con posibilidade de continuidade futura. Ademais, en paralelo a este carril, estase a habilitar unha senda peonil para favorecer os paseos sen interromper a actividade interna deste espazo de lecer e esparexemento. Para completar a senda, instalarase unha nova pasarela peonil que cruzará o regato.

Están avanzados tamén os traballos de mellora e ampliación da zona do parque infantil, no que se instalaron novos xogos para nenos de distintas idades, entre eles unha tirolina. O proxecto complétase coa habilitación de aseos públicos e a dotación de iluminación e novo mobiliario urbano, coma papeleiras, mesas e bancos que ofrezan aos usuarios a comodidade axeitada para gozar dunha xornada no parque.

Para a execución deste proxecto, que foi adxudicado por 309.104 euros á empresa Ingeniería y Construcciones Piñeiro S.L., o Concello e a Xunta de Galicia asinaron un convenio de colaboración. O obxectivo é realzar a importancia deste entorno e convertelo nunha das zonas de recreo e lecer por excelencia do municipio e da contorna, ofrecendo aos veciños e visitantes un espazo cheo de posibilidades, dando valor á súa paisaxe característica e facéndoo o máis versátil posible para a realización do maior número de actividades.

COMPOSTAXE. Por outra banda, o Centro Rural Agrupado (CRA) de Valga súmase ás actividades do Plan Revitaliza para a divulgación do tratamento sustentable de residuos e da compostaxe.

A escola unitaria de Campaña foi a primeira en poñer en marcha o seu propio composteiro, no que os nenos e o persoal docente irán depositando os residuos orgánicos que xeren no centro, procedente fundamentalmente das merendas. O programa de merendas saudables que dende hai tempo ten implantado o CRA compleméntase á perfección coa compostaxe, mediante a cal poderán obter abono natural para abastecer os hortos escolares nos que cultivan cenorias ou perexil, entre outras.

Trala instalación do composteiro os nenos de Campaña participaron no obradoiro Os bichocos e a composteca, un contacontos con xogos, probas de psicomotricidade e debuxos para explicarlles que é a compostaxe, como se obtén o abono natural.

28 nov 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.