Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
A mítica taberna, ubicada a beira do Umia, ven de recibir un Solete da prestixiosa publicación // Rey destaca o esforzo do establecemento que sitúa o municipio “entre os lugares máis fermosos, agradables e hospitalarios” TEXTO María Rendueles

Guía Repsol inclúe a O Muiño de Caldas entre as mellores tascas

A taberna O Muíño do municipio pontevedrés de Caldas de Reis vén de recibir un Solete por parte da prestixiosa Guía Repsol, distintivo que o acredita como un dos mellores “bares e tascas” de toda Galicia. Esta nova categoría de premios acaba de ser creada pola publicación para recoñecer a aqueles chiringuitos, heladarías, tascas, tabernas e restaurantes de menú do día con encanto especial, tanto pola súa comida como polas súas características, o seu entorno ou calquera outra cuestións que os faga especiais.

É que nesta categoría recén creada “caben todos sempre que sexan honestos e o fagan ben”, explican os responsables da Guía Repsol na súa web. Nesta primeira edición dos Soletes foron escollidos un total de dezasete locais na Coruña, outros dezasete en Pontevedra, dezaséis en Lugo e dez en Ourense.

CONTORNA BUCÓLICA A taberna O Muíño atópase á beira do río Umia, nunha contorna bucólica e cunha terraza especialmente atractiva e acolledora para pasar un bo momento en verán e en calquera época do ano. O seu interior destaca pola súa decoración tradicional onde as mesas e cadeiras comparten espazo cunha lareira, segundo explican desde o Concelllo.

O establecemento hosteleiro caldense era, como o seu propio nome indica, un muíño de gran que funcionou ata o ano 1955 e desta época aínda quedan as rodas de prensado que comparten espazo coas mesas e cadeiras.

Pouco despois un grupo de amigos montou no lugar unha taberna que acabou pasando en 1975 a mans de José Luís Goldar pai coa que continuaron os seus descendentes.

O Muíño é moi coñecido polas súas racións e por ser unha excelente alternativa para unha sesión de “picoteo”. Destacan o polbo á feira, os chipiróns, choquñiños, mexillóns, navallas, zamburiñas, as xoubas, os pementos de padrón, empanadas, queixos e todo tipo de carnes. Ademais, como bo “muíño”, tamén salienta polas súas múltiples versións de pan galego entre as que se poden atopar variedades de trigo, millo ou centeo. Ademais, tamén é recoñecido polas súas sobremesasn caseiras.

PARABÉNS O alcalde, de Caldas de Reis Juan Manuel Rey, deulle os parabéns á taberna O Muíño por este recoñecemento en nome de todos e todas as caldenses e destacou que “este tipo de distincións confirman que o encanto de Caldas se constrúe grazas ao esforzo conxunto da sociedade e do sector hoteleiro”.

Ao mesmo tempo, o rexidor indicou que “grazas ao traballo e o esforzo a prol da singularidade deste establecemento conseguimos que o noso municipio se sitúe novamente no mapa dos lugares máis fermosos, agradables e hospitalarios”.

Pola súa banda, o responsable da taberna O Muiño, José Luis Goldar, amosou a súa satisfacción por esta distinción da Guía Repsol, que lle chegou de sorpresa, segundo confesou o taberneiro, e que recibiu de maneira moi grata.

O dono da popular tasca considera que o recoñecemento non é só para o seu establecemento, senón para todo Caldas, pois segundo indica “sempre trato de actuar como embaixador da miña Vila e por iso sempre animo a todos os clientes a visitar os nosos recursos, como son a fervenza de Segade, a Ponte Romana, o lavadoiro termal, ecétera”.

A receita para o éxito está, segundo argumentou o propio José Luis Goldar ,“en moitas horas de dedicación, na busca dos mellores produtos e sobre todo unha atención e trato ao cliente moi próxima”.

12 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.