Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Os operarios arrincaron a maleza no tramo urbano do río Umia, na ponte da Ferrería e no consistorio TEXTO M. Boo

Nin exóticas nin invasoras: Caldas declara a guerra ás malas herbas

Hai apenas unha semana finalizaron os traballos de eliminación de plantas exóticas e invasoras nas marxes do tramo urbano do río Umia e tamén na ponte da Ferrería da N-550, na casa do concello de Caldas e na marxe dereita entre o Muiño e o Xardín Botánico. A presenza de especies invasoras nesa zona, que foron colonizando as marxes, impedían o normal desenrolo de especies herbáceas, arbóreas e arbustivas autóctonas, provocando un desequilibrio no ecosistema fluvial.

As actuacións de mellora ambiental consistiron na limpeza e eliminación de especies invasoras, o roce selectivo de vexetación arbustiva con medios manuais, incluídos resalveos e podas necesarias, clareos de pés sobrantes e retirada de restos de ramaxe ou árbores mortas, controlando así a vexetación invasora con corta manual de árbores alóctonas.

Algunhas das especies eliminadas están incluídas no Catálogo español de especies exóticas invasoras, como Acacia melanoxylum, Tradescantia fluminensis ou Ipomea indica. Outras son especies exóticas alleas ao noso ecosistema fluvial e poden competir coas propias, polo que se considerou conveniente a súa eliminación. Trátase por exemplo de Bidens sp, Delairea odorata, Crocosmia x crocosmiflora, Erigeron karvinskianus, Persicaria capitata, Phytolacca americana ou Delairea odorata.

O Concello investiu nesta actuación preto de seis mil euros do seu orzamento, e ten solicitada unha subvención ao Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia dedicado á conservación, reposición e restauración do ambiente. O Concello programará ao longo deste ano outras actuacións de control e eliminación de plantas invasoras noutras zonas e un programa específico para a eliminación da Egeria densa no tramo urbano do cauce do río.

Os traballos foron realizados pola empresa Copasa en base ao proxecto redactado polo enxeñeiro agrícola José Recamán, especializado en traballos en entornos fluviais que tamén dirixiu a súa execución.

A actuación conta cos informes favorables de Augas de Galicia e da Consellería de Medio Ambiente. Os traballos programados desde o ano pasado tiveron que pospoñerse ata a obtención dos informes sectoriais e a redución do caudal do río.

O concelleiro de Medio Ambiente e Obras, Manuel González, destaca que “con esta actuación ordenada e planificada técnicamente melloramos o ecosistema fluvial do Umia no seu tramo urbano, eliminamos as especies exóticas e invasoras e potenciamos o desenvolvemento das especies autóctonas. Ao mesmo tempo poñemos en valor a ponte da Ferrería e o edificio do Concello, que será obxecto dun proxecto de restauración das súas fachadas para evitar o crecemento de vexetación nos propios paramentos”.

O alcalde Juan Manuel Rey destacou o compromiso do Concello coa protección da biodiversidade e a conservación dos ecosistemas fluviais, sinalando que “esta actuación forma parte do recoñecemento de Caldas no certame de Vilas en Flor, que ten unha compoñente importante na posta en valor e a integración da vexetación na paisaxe urbana e fluvial”.

09 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.