Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O artista caldense Froján presenta o seu disco ‘Huír’ en Cultura Quente

A programación cultural volta esta fin de semana con DJs
e agrupacións locais

Caldas de Reis. A programación cultural de Caldas para este verán que se presenta por segundo ano baixo o nome do seu emblemático festival Cultura Quente, volve esta fin de semana coa música de DJs e as actuacións de agrupacións da localidade. O Concello apostou este segundo ano de pandemia pola creatividade dos artistas locais e adaptou todo o programa ás condicións de seguridade sanitaria. Os eventos desenvolveranse en varios espazos da vila co obxectivo de dinamizar o comercio e a hostalaría, ao tempo que se ofrece apoio ao sector cultural.

O prato forte desta fin de semana terá lugar hoxe sábado a partir das 21.30 horas no anfiteatro da Tafona co concerto de Froján no que o artista caldense e o seu grupo presentarán ante o público da vila o seu último disco Huír. Este traballo musical está conformado por 12 cancións compostas durante o tempo que durou o confinamento domiciliario por coronavirus no pasado 2020. Trátase dun CD no que o músico caldense relata a súa experiencia vital nun tempo que o marcará de maneira “dura e íntima”. Froján e o seu grupo estarán precedidos na Tafona por Dj Moe, que iniciará o espectáculo unha hora antes.

Xa mañá domingo contarase de novo coa animación de rúa, que nesta ocasión correrá a cargo do grupo de gaitas Maquía, unha formación de música tradicional da parroquia caldense de Godos que desde hai máis de 10 anos engade notas de tradición e boa música a calquera festexo ou evento.

A concelleira de Cultura, María López, animou á veciñanza “a participar nas actividades e ás persoas doutras zonas a visitar Caldas para gozar da programación cultural e da creatividade local, así como a desfrutar do noso fantástico comercio e a nosa excelente hostalaría”. arca

10 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.