Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O cocteleiro Diego Dasilva prepara en Valga cócteles para degustar

É unha actividade de balde, pero solidaria, polo que hai que doar un quilo de alimentos

Valga. O Concello de Valga informa de que está aberto ata o vindeiro día 28 o prazo de inscrición no showcooking Moito máis que caña, unha das actividades do Agosto Gastronómico organizado polo Concello con motivo da XXXI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. “O cocteleiro profesional Diego Dasilva será o encargado de preparar catro cócteles con caña do país que os asistentes poderán degustar”, sinalan fontes municipais.

O aforo é limitado a 25 persoas, polo que para asistir é necesario cubrir a folla de inscrición que pode descargarse a través do código QR que aparece en toda a cartelería das actividades ou na páxina web municipal (www.valga.gal). Hai que entregala no rexistro do Concello ou enviala ao correo electrónico concello@valga.gal.

O goberno local explica que a actividade é de balde pero ten un carácter solidario, polo que cada persoa deberá entregar ao acceder un quilo de alimentos non perecedoiros que serán destinados aos Servizos Sociais. A cita é o día 29 no Centro de Intepretación da Caña, ás 13.00 horas.

Por outra banda, hai que recordar que este mércores 25 remata o prazo para participar no Concurso da Caña do País. O certame, que será o 26 e 27, consta de tres modalidades: caña branca, tostada e de herbas. O produtor da mellor caña branca será gratificado con 300 euros, mentres que os primeiros premios dos licores de herbas e tostado ascenderán a 200 euros. Os segundos recibirán un trofeo e un diploma. A.P.

24 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.