Pide o BNG da Estrada pór en valor o Pazo de Guimarei e a Torre da vila
Considera que poden converterse en todo un referente, pero que se atopan “deteriorados”
A Estrada. Os nacionalistas da Estrada instan ao Concello a ser “máis ambicioso coa Torre e o Pazo de Guimarei”. No pleno do mes de maio a concelleira do BNG, Susana Camba, instou ao alcalde a actuar “para paliar o deterioro da Torre e o Pazo de Guimarei, avisándoo de que o propietario deste Ben de Interese Cultural está incumprindo a lei que rexe para a preservación destes elementos patrimoniais, e no caso de non actuar para evitar o deterioro, o Concello tería que poñerlle unha denuncia”, indican dende o partido nacionalista.
No pleno de agosto, ante a insistencia da concelleira nacionalista, o alcalde “confirma que o propietario da Torre e o Pazo de Guimarei acometerá melloras de consolidación, mais sen concretar datas nin prazos”, explican. “No BNG estaremos vixiantes para que este anuncio non quede en saco baleiro”, apostillan dende a oposición.
Pídenlle ao goberno local que aposte pola inclusión destes elementos no patrimonio público do municipio para a súa posta en valor posterior. “Se se acometen as melloras necesarias, a Torre e o Pazo de Guimarei teñen todas as posibilidades de converterse nuns dos mellores referentes turísticos do noso concello”, insisten dende o BNG.
“Xa suxerimos en máis dunha ocasión que o goberno local pode buscar financiamento en varias administracións públicas (Deputación, Xunta e mesmo o Estado) para que a Torre e o Pazo de Guimarei pasen a patrimonio público do Concello”, insisten dende a oposición. c.G.