Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
É unha das primeiras que se outorga a un espazo público do CamiñoPortugués // A distinción avalía a calidade específica do conxunto, o sistema de xestión, o seu equipamento e os servizos que se prestan neste espazo singular TEXTO Sol Elvira

Q de Calidade para a Carballeira e o Xardín Botánico de Caldas

O conxunto formado pola Carballeira e o Xardín Botánico de Caldas de Reis vén de ser distinguido coa Q de Calidade Turística como Espazo Público Singular. Así se lle notificou ao Concello pontevedrés tras a última resolución publicada polo Comité de Certificación do o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE).

A certificación Q de Calidade Turística é unha distinción que outorga o ICTE que promove o recoñecemento a aquelas empresas e institucións que garanten unha ampla oferta de servizos e equipamentos e que prestan unha mellor atención a visitantes favorecendo a súa satisfacción, especialmente, na visita aos espazos naturais. No marco dun convenio asinado entre a Xunta e este organismo, implantouse a certificación daqueles espazos públicos singulares que ofrezan un valor engadido para os visitantes ao seu paso polas diferentes rutas xacobeas. A Q do Xardín Botánico é unha das primeiras que se outorga a un espazo público dos camiños xubilares.

CALIDADE. A distinción concedida avalía a calidade específica do conxunto, o sistema de xestión, o equipamento e servizos que se prestan no espazo singular e, neste aspecto, recoñece o traballo que o Concello vén realizando ao longo do ano na mellora e sistematización das actuacións de mantemento, limpeza, xardinería e planificación de podas entre moitos outros parámetros de mellora continua.

O distintivo tamén pon o acento na garantía de calidade dos produtos e servizos ofrecidos polos espazos públicos singulares e na adecuación dos servizos ás expectativas e

necesidades dos visitante, así como na mellora continua do espazo público singular visto como un “todo”.

O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, valorou moi positivamente esta distinción sobre a que considera que recoñece “os esforzos realizados ao longo dos últimos anos no coidado e posta en valor dun dos recursos turísticos e enclaves naturais máis importantes de Caldas”. Para o rexedor, a Q de Calidade Turística “recoñece tamén o bo facer da Vila Termal nos servizos, no acondicionamento e mellora do conxunto, o que en tempos de dificultade como os actuais nos dá azos para seguir mellorando”, indicaba.

PLAN Por outro lado, o Concello de Caldas atópase actualmente elaborando o Plan de Restauración do Xardín Botánico, que inclúe un levantamento topográfico previo.

Este documento estratéxico é un requisito necesario para poder acceder ás axudas do Goberno central para a conservación do patrimonio arquitectónico dentro do marco do 1,5 % cultural, así como a outras liñas de subvención.

O plan é coordinado polo doutor, enxeñeiro agrónomo e arquitecto da paisaxe, Pedro Calaza e servirá fundamentalmente para marcar baixo criterios técnicos e profesionais a planificación regrada do mantemento, conservación e reposición do espazo. Porén, incluirá un estudo histórico do conxunto e unha análise pormenorizada das alternativas a desenvolver para a súa conservación que terá en conta as propostas técnicas, os materiais a aplicar, o mobiliario ou o equipamento. Ademais, o documento complementará o Plan Director do Arborado, que inclúe propostas de mellora e xestión integral dos espazos formados pola Carballeira e o Xardín Botánico.

Lembrar que o Xardín de Caldas de Reis remóntase ao ano 1884. Neste enclave atópanse catrocentas árbores de especies chegadas dos cinco continentes, especialmente de América. Tamén destaca a súa gran colección de camelias, unha planta oriental ben adaptada a Galicia.

27 nov 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.