Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Valga recibiu con motivo do festexo a unha delegación da vila homónima de Estonia

O Concello convidounos a visitar o municipio e formar parte da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País

Valga. Unha delegación da localidade de Valga en Estonia estivo visitando ata este domingo o concello, convidados polo goberno local con motivo da XXXII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. A vicealcaldesa, Maarja Mägi, e o concelleiro delegado da área de Deportes e Xuventude, Tõnu Vahtra, son os representantes estonios que chegaron a Valga co obxectivo de seguir fortalecendo as relacións que ambas localidades homónimas manteñen dende hai case unha década en ámbitos coma o educativo, cultural ou social, uns lazos que se viron refrendados no ano 2017 coa sinatura do protocolo de irmandamento.

Durante a súa estancia coñeceron Valga: os seus equipamentos e dotacións públicos e os seus espazos de interese cultural, patrimonial e natural. Achegáronse asemade ata os centros educativos e formativas coma o IES de Valga, a Escola Infantil Municipal e o CODI.

Tamén tiveron ocasión de coñecer a Casa do Concello, as súas dependencias e o traballo que desenvolve o persoal municipal. O alcalde, José María Bello Maneiro, entregoulles, como regalo institucional, unha figura co mapa do concello e as súas cinco parroquias e o pin e a bandeira do municipio, que nestes días ondea xunto á de Estonia na Casa Consistorial e no auditorio municipal, edificio ao que tamén se achegaron.

O percorrido por Valga continou pola área fluvial de Vilarello e o novo embarcadoiro de Santa Cristina. Outros dos espazos que coñeceron Maarja Mägi e Tõnu Vahtra foron a Mina Mercedes e Porto Piñeiro, onde os representantes municipais lles explicaron o proxecto de recuperación que o Concello pretende desenvolver. A parada no Belén artesanal, un dos recursos turísticos máis relevantes, foi tamén obrigada. c.e.

29 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.