Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O coro compostelán, dirixido por Luis Martínez, interpretou pezas dun autor anónimo descubertas na Catedral de Tui

Vox Stellae encheu a igrexa de Santo Tomás de Caldas coas súas voces

    A igrexa parroquial de Santo Tomás de Caldas de Reis acolleu no serán deste domingo a actuación do coro compostelán Vox Stellae celebrada no marco da iniciativa da Diócese Tui-Vigo baixo o lema Música na Catedral de Tui e no programa O teu Xacobeo dentro dos actos de preparación para o Xacobeo 2020-2021. Este proxecto, que contou neste caso coa colaboración da empresa Clun (matriz de Clesa) con presenza en Caldas, busca difundir a historia musical e o patrimonio cultural da catedral tudense por diferentes recunchos de Galicia. A representación correspondeu, concretamente, ao Libro III de Polifonía e foi dirixida por Luís Martínez. Todas as obras contidas neste libro son do século XVIII, de autor anónimo e descubertas na Catedral de Tui.

    A actividade gozou dunha excelente acollida por parte dos caldenses e demostrou que a igrexa de Santo Tomás é un excelente colector cultural. A interpretación non deixou indiferente a ningunha das persoas asistentes nunha oportunidade única para desfrutar de melodías, versos e liturxias de hai 3 séculos.

    Situada en pleno Camiño Portugués a igrexa é un dos máis recoñecidos elementos do rico patrimonio cultural caldense. Foi proxectada a finais do Século XIX polo recoñecido arquitecto Domingo Rodríguez Sesmero e o seu interese radica en que foi construída cos restos da torre de Dona Urraca (residencia dos arzobispos composteláns dende 1228). Ademais de sillares, da torre orixinal consérvanse fiestras e algúns peitorís que poden verse incrustados nos muros da ábsida desta igrexa parroquial moderna. O seu nome, Santo Tomás, impúxoselle en recordo ao paso de San Tomás de Canterbury pola vila en 1170.

    14 sep 2020 / 19:28
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.