Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Haberá unha ampla mostra daquelas en perigo de extinción e da Rubia Galega // Estarán en Salimat e centrarán showcookings // Tampouco faltarán novidosos produtos como unha potaxe vegana ou unha fariña de castañas TEXTO Claudina Estévez

As razas gandeiras autóctonas volven á gran Feira silledense

Comeza a conta atrás para a celebración no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda, da nova edición da Feira Internacional Abanca Semana Verde. O agardado evento regresa tras un ano de parón cargado de propostas, de feito, xa se están a pechar as últimas xunto aos expositores. A 43 edición deste foro, que arranca o vindeiro venres día 3 e se prolongará ata o domingo 5, volve contar coas razas autóctonas galegas tanto na súa exposición como no seu programa de actividades.

En canto ás variedades enxebres en perigo de extinción, estarán presentes na feira de man da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (BOAGA) e tamén da Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel); a Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga) e a Asociación Pura Raza Cabalo Galego. Na área gandeira contarán cunha completa mostra de animais. Así, serán 50 os exemplares das bovinas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa, algo máis de cen de Porco Celta, trinta da Cabra e Ovella Galegas, sete de Cabalo de Pura Raza Galega e tamén cincocentas de Galiña de Mos, tanto con exemplares adultos como pequenos. Ademais, desta última raza haberá un mercado de aves vivas no que participarán varios produtores de Avimós. O certame tamén incluirá a actividade O Cabalo de Pura Raza Galega, doma e morfoloxía. A Nosa Raza; ofrecido pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego. Consistirá en tres pases con presentación e doma de exemplares desta estirpe. Por outra banda, respecto á Rubia Galega, protagonizará nesta ocasión unha exposición máis ampla do habitual, composta por 25 animais, entre os que ademais dun touro, se mostrarán vacas, novillas e tenreiras. As razas autóctonas tamén estarán presentes no 24º Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat). Participarán 15 produtores daquelas en perigo de extinción baixo as marcas comerciais Ganadería Balín, Cachenas de Pantón, Cachenas de San Breixo, Gandaría e Carnicería Lage, Gandería Tras do Río, Granxa Castro de Madrosende, Aves do Concello, Chousa do Lea, Granxa Aeiroá, A Granxa de Lola, Granxa Pitagudín, Granxa A Ciruxana, O Agro, Cooperativa Tres Fuciños e Céltico. Ademais, estarán con stand Asoporcel e Boaga, participando co restaurante Tapirazas, onde cada día se poderá degustar un menú diferente a base da maioría destas liñaxes.

Ovos rotos de Galiña de Mos con xamón de Porco Celta, carbonara flamande de tenreira de raza Caldelá e de boi de raza Limiá, cordeiro de Ovella Galega asado no forno ou minihamburguesas 100 % tenreira de raza Frieiresa con queixo D.O Arzúa-Ulloa serán soamente algunhas da propostas que se degustarán, elaboradas polo cociñeiro Antonio Díaz Calvo, do Restaurante Andarubel-Fragas do Eume. A isto sumaranse varios showcookings centrados no poldro de Cabalo de Pura Raza Galega, organizados por Puraga. A Rubia Galega tamén participará en Salimat Abanca. Estará presente con posto a Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga), a cal organizará un showcooking centrado nesta especie a cargo de Diego López, do restaurante La Molinera, de Lalín.

ALINOVA. Dentro de Salimat poderase desfrutar tamén da súa área Alinova, destinada aos últimos lanzamentos ao mercado. Nesta ocasión as innovacións presentes nesta zona serán 77, unha cifra moi similar á da última edición do certame, en 2019, cando foran 80. Estarán moi presentes as conservas, entre elas propostas ecolóxicas en vidro reutilizado de fabas guisadas con mexillóns en salsa de rape ou de mexillóns en escabeche agridoce, ademais de novos mirabeles extra en caldo de azucre, paté de porco celta ou numerosas marmeladas lanzadas recentemente ao mercado, como as que combinan cabaza, noz, canela e xenxibre ou fresa, amora e chocolate branco, así como outras de tomate, cabaza, mirabeles, pétalos de rosa ou arandos cultivados en Galicia. Tamén se poderán ver novas conservas premium de edición limitada de bonito e afumados de arenque, cabala ou polbo cocido do cantábrico.

En canto ás bebidas, mostrarase licor café galego macerado con chile habaneiro, viños brancos e tintos ecolóxicos de Arbo, un viño elaborado con godello, palomino e dona branca, un novo albariño 100 % xoven, cervexa ecolóxica co 100 % dos seus produtos de Lalín ou cervexa artesá con mirabel premium, ademais dun novo vermú.

Entre os lácteos preséntase queixo cremoso de leite cru de vaca con pemento picante de pementos de Herbón, un semicurado de vaca galego con trufa, de barra semicurado ou fresco de cabra con trufa. Tamén iogures de sabores de flores silvestres que nacen na primavera nos pastos galegos, como os de toxo/verbena, sabugueiro e violeta. Ademais, haberá moitas salsas, como unha a base de pementos de Padrón, un chimichurri de plantas aromáticas, unha salsa picante fermentada con base de jalapeño, chile pantasma e allo asado a baixa temperatura, unha salsa especial para bacoriño asado ou outra agridoce para todo tipo de aperitivos.

No tocante aos produtos máis doces, descubriranse galletas de nata ecolóxicas en envase de vidro ou elaboradas con fariña de castaña, doce de leite e bica de castaña, ademais de hidromel elaborado con produtos exclusivamente galegos ou un xeado ecolóxico que lanza unha versión en pauciño. Entre os aceites, preséntanse novas propostas de oliva virxe extra, especiais para frituras ou de calidade superior variedade arbequina, mentres que en embutidos figurarán cabeza de porco prensada ou xamón de porco celta con 36 meses de curación. Tampouco faltarán produtos deshidratados ecolóxicos, como allo laminado, cabaza en po ou cebola en escamas. Haberá conxelados de pescado e marisco e novidades como café selección de orixes de cultivo sostible ou 100 % premium, sal afumado con especias picantes, potaxe vegana de garavanzos e espinacas ou grelos galegos con patacas aderezados con allada. Tamén infusións de cacao con pementa rosa ou laranxa, e unha nova fariña de castaña.

31 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.