Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O novo sendeiro, que complementa outro xa homologado en Lalín, percorre oito quilómetros desde o castro e pasando polas mámoas e os petróglifos // Muíños, igrexas e fermosas paisaxes atopará o camiñante neste itinerario TEXTO Sol Elvira

Casa do Patrón pon en marcha a Ruta Prehistórica de Doade

Coa colocación dos paneis informativos de cinco mámoas postas en valor, das sete existentes na parroquia de Doade, veciños e directivos do Museo Casa do Patrón dan por rematado o roteiro cultural denominado a Ruta da Prehistoria de Doade, que xa pode ser percorrida polos camiñantes en Lalín.

Trátase dun complemento que os promotores califican de “ideal” para a ruta homologada de baixa dificultade do Castro de Doade (PR-G210) xa existente, percorrida cada ano por milleiros de persoas, que transcorre ao longo de 16 quilómetros, na súa maior parte xunto ao río As. Este sendeiro conta con tres derivacións: Vía da Prata, ao Carballo Monumental de Soutolongo (árbore senlleira de Galicia) e ao propio Castro de Doade (onde se conecta con esta nova ruta), pasando por muíños e igrexas restauradas, fermosas paisaxes e o Museo Etnográfico Casa do Patrón, promotor de ambas iniciativas, que contribuirán a dinamizar, en gran medida, o turismo cultural e de natureza deste territorio.

CARACTERÍSTICAS Según explica o director do museo, Manuel Blanco, A Ruta da Prehistoria de Doade constitúe un percorrido de pouco máis de oito quilómetros que, partindo do Castro de Doade, pasa pola Mámoa do Agro do Castro, as dúas mámoas da Costa de Chelos, e o conxunto do Coto do Santo da Pedra (A Pena do Santo, o Santiño da Pedra, unha recuperada tradición milenaria dos veciños desta parroquia, os petróglifos, unha impresionante mámoa de case 30 metros de diámetro, a máis emblemática da contorna, que será escavada no vindeiro ano 2021 e un formidable Miradoiro, cunhas espectaculares vistas panorámicas do Val do Deza). O sendeiro continua pola Mámoa e o Miradoiro dos Penedos da Arcela, baixando logo pola Pena das Cachas, que contén varios Petróglifos máis, achegándose ao fermoso conxunto das Casas da Cruz, pasando pola Pía da Cal e atravesando o lugar de Codeseda, unha aldea totalmente restaurada na que se poden visitar os tres edificios do Museo Etnográfico Casa do Patrón, onde remata esta interesante camiñada. Ademais, ofrecen a posibilidade de continuar a andaina baixando ata a Contorna Natural Biosaudable de Entre os Ríos, nas ribeiras do Asneiro.

Aínda que os seus accesos están ben sinalizados, cabe significar que esta ruta figura na aplicación wikiloc, que poderá ser descargada en teléfonos móbiles, servindo de guía permanente aos usuarios da mesma no seu fácil percorrido.

ORGULLO “Os veciños de Doade podemos e debemos sentirnos ben orgullosos da nosa teima por conservar os recursos naturais e paisaxísticos da nosa contorna, de honrar aos nosos antepasados recuperando o castro, as mámoas e os petróglifos, que tanto significaron para eles, rememorando a nosa etnografía cos milleiros de apeiros depositados no maior museo etnográfico de Galicia, ademais de recoller e manter vivo o inmenso valor da nosa tradición oral e folclórica, escribindo con maiúsculas numerosos libros coa vasta historia da nosa benquerida parroquia lalinense, situada no corazón das bravas terras do Alto Deza”, escribe o director da Casa do Patron, Manuel Blanco.

“Na Casa do Patrón continuamos traballando co ánimo de pechar o círculo da posta en valor do enorme acervo histórico, arqueolóxico e etnográfico da parroquia de Doade, para goce de todas as persoas amantes da cultura e da natureza que teñan a ben achegarse por estas marabillosas paraxes”, engade orgulloso un dos grandes promotores destas iniciativas.

16 nov 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.