Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Os nove efectivos existentes realizaron 2.254 actuacións, unha media de duascentas cincuenta por cada un // Tomaron parte en 1.577 operativos, moitos pola COVID, e interviron en 548 operacións de urxencia e cento vinte nove de apoio TEXTO M. Rendueles

Emerxencias de Lalín executou seis servizos diarios o ano pasado

Protección Civil-Emerxencias Lalín realizou no pasado ano 2.254 servizos, o que supón unha media de 6,1 servizos diarios. Unha cifra que supón que cada un dos nove efectivos que conforman na actualidade este servizo municipal (seis do Grupo de Emerxencias Supramunicipal-GES e tres de Servizo Municipal de Protección Civil-SMPC) desenvolveron un promedio de 250 actuacións ao ano nunha zona de cobertura que alcanza os concellos da Comarca de Deza.

Asi consta no balance feito público por la concelleira de Seguridade Cidadá e Tráfico, Eva Montoto, que destaca o traballo crucial efectuado por Protección Civil-Emerxencias Lalín que se verifica neste alto nivel de intervencións nun ano 2020 especialmente complexo e que supuxo un novo reto para as emerxencias, xa que a raíz da pandemia e desde que se decretou o estado de alarma declarouse como “servizo público municipal esencial”.

Neste pasado 2020, tal como se recolle na Memoria Anual elaborada por este servizo, cómpre sinalar o aumento considerable de actuacións en situacións de urxencia, un total de 548, debido ao establecemento dunha quenda de gardas que posibilita a cobertura as 24 horas.

Así, dos 2.254 servizos realizados o ano pasado, 1.577 corresponden a actuacións de participación en distintos operativos, 548 con actuacións en urxencias ás que se suman 129 actuacións de apoio.

Dos 1.577 operativos no que tomou parte Emerxencias-Protección Civil de Lalín, os máis destacables son os seguintes: 384 actividades de desinfección; 230 accións de colaboración con Servizos Sociais; 210 intervencións de control de tráfico e de medidas de seguridade contra a COVID en entradas e saídas dos colexios e 32 actuacións de seguridade en espectáculos públicos.

As actividades de desinfección constitúen o servizo novo máis importante que trouxo consigo a pandemia. Desde a primeira vaga desinfectáronse os establecementos esenciais (farmacias, centros médicos, tendas de alimentación, etc.). e as zonas públicas como parques infantís, centros educativos, beirarrúas e edificios públicos. Tamén desenvolveron 210 actuacións de control de tráfico e de medidas de seguridade contra a COVID en entradas e saídas dos colexios e as intervencións en seguridade en espectáculos públicos, así como en actividades deportivas e lúdicas tamén sufriron cambios con respecto a outros anos.

En canto as 548 urxencias de 2020, supoñen un 60 % menos que no ano 2019. Rómpese polo tanto a tendencia ascendente nos últimos anos. A explicación desta redución é a limitación da mobilidade a raíz da pandemia. Entre o conxunto de urxencias atópanse actuacións no marco do plan de nevaradas e xeadas, actuacións en vertidos e recollida de animais soltos, feridos ou mortos, xunto coas actuacións en incendios, e accidentes. Así Emerxencias colaborarou co Parque Comarcal de Incendios e Salvamento do Deza. Interviron en 10 incendios en colectores de lixo e 15 incendios en vivendas que afectaron maiormente a lareiras e cociñas. Tamén houbo 4 en coches e 2 en cadros eléctricos e, igualmente, acudiron a 7 incendios forestais, cunha actuación coordinada coa central da Consellería de Medio Ambiente.

Finalmente levaron adiante 129 apoios ao Concello, en actuacións de colaboración con outros departamentos municipais como lavado de pistas, rúas, parques infantís (7); carga, descarga, montaxe e reparacións de carpas, cadeiras, mesas e mobiliario urbano (90); control de tráfico por e para obras (4 servizos) e outros de diversa índole (28).

03 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.