Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Foresta Lalín II continúa cos traballos nas comunidades veciñais de montes

Os vinte participantes veñen de completar en Bermés a sinalización dos penedos rochosos que deron comezo no mes de xullo e nos montes veciñais de Zobra están desenvolvendo tarefas de corrección hidrolóxicas, drenaxes, rareos e rozas

Os vinte participantes do obradoiro de emprego Foresta Lalín II continúan cos traballos nas comunidades veciñais de montes. Así, en Bermés os traballos comezaron a mediados do mes de xullo realizando a roza manual no contorno de Sete Penas que se atopaban rodeadas de matorral, e abrindo sendeiros para comunicalas e facelas accesibles entre si.

Tamén se actuou nunha masa de pinos realizando clareo e poda baixa. Namentres, neste mes de setembro, colocouse a sinalización dos penedos rochosos co que se deron por finalizados os traballos nesta zona de Bermés. O concelleiro de Emprego, Avelino Souto, achegouse no día de onte a ver os traballos xunto co presidente da Comunidade de Montes, Cristóbal Fernández, e coa directora do proxecto, Elena Cuiña.

A mediados do mes de agosto, iniciáronse as actuacións en Zobra onde se comezou co mantemento e acondicionamento dos sendeiros nas rutas de sendeirismo de Ameixedo e Porto Martín. Continuouse no monte da Trigueira, realizando a roza manual de camiños forestais de acceso ás antigas minas da Corza así coma a roza e poda de ramas na ruta de senderismo cara ás albarizas.

Nestes montes veciñais de Zobra tamén se realizaron tarefas de corrección hidrolóxica facendo drenaxes así coma actuacións nunha plantación de pino de oregón onde se realizaron podas, rareos, rozas e triturado de restos en toda a masa forestal. Neste mes de setembro continuáronse coas actuacións nesta Comunidade de Montes.

O edil de Emprego precisa que se “trata de mellorar a calidade e funcionalidade dos montes, poñendo en valor o patrimonio natural e local do noso concello, mellorando a accesibilidade e realizando o mantemento das masas forestais co fin último de reducir a masa combustible e previr os incendios”.

Prórroga ata decembro

O obradoiro de emprego reanudou a actividade presencial o 1 de xullo, tras a paralización debido á situación de emerxencia sanitaria pola Covid-19, aínda que durante a pandemia se mantivo a actividade formativa de xeito telemático. Á volta, e tras adotar todas as medidas de hixiene e seguridade precisas polo coronavirus, reactiváronse as actuacións programadas nos montes veciñais.

Cómpre recordar que o obradoiro de emprego Foresta Lalín II se prolongará ata o 9 de decembro, tres meses máis do previsto inicialmente, tras vir de conceder a Xunta de Galicia a prórroga que a comezos de xuño lle foi solicitada polo Concello para paliar a incidencia da pandemia no seu desenvolvemento.

17 sep 2020 / 16:48
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.