Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 29 enero 2023
02:26
h

Lalín celebra a lectura cunha festa por todo o alto esta fin de semana

O evento comezará o venres cunha xornada protagonizada pola autora Ledicia Costas

Lalín. Durante o venres, o sábado e o domingo, Lalín celebrará por primeira vez a festa literaria Sopa de letras. “O grande obxectivo é apostar polo comercio local, neste caso as librarías de Lalín, e promocionar o libro e a lectura. Unha Feira do Libro que se converte nunha festa literaria e tamén gastronómica, na que se busca a complicidade e implicación da hostalería para estender o evento por toda a vila”, sinalou a concelleira de Cultura, Begoña Blanco.

O festexo comezará cunha xornada protagonizada pola escritora Ledicia Costas, que dará o pregón, cociñará a súa receita de sopa de letras e asinará exemplares dos seus libros. Segundo indicou a edil, “Costas vén de publicar A Lebre mecánica, Premio Lazarillo de Creación Literaria 2021 e tamén Ai que risa, unha nova aventura da súa serie dos Minimortos. Nesta primeira xornada tamén presenta o seu libro O poder máxico do sorriso a escritora de Silleda Thalia Troitiño, e haberá un concerto para público familiar de Golfiños, unha exhibición da imprenta itinerante Alouette Machine ou o espectáculo poético-musical Desnortadas de Rosalía Fernández Rial e María Álvarez. Ademais, a Cervexería Beltane acollerá á noite unha intervención de Nuria Vil”.

Respecto ó sábado 15, Blanco fixo especial fincapé en que “estarán na festa literaria o último Premio Nacional de Narrativa, Xesús Fraga, o último premio Follas Novas de Narrativa, Diego Ameixeiras, o grupo de música infantil Mamá Cabra, o ilustrador Leandro Lamas, Carlos Negro, Benxamín Otero e o escritor e showman Lois Pérez, que actuará á noite no Casino”.

“Nesta xornada tamén se presentarán as investigacións e publicacións do Seminario de Estudos do Deza e as novidades da Editorial Fervenza, e comezarán tamén os roteiros Lalín literario, deseñados e conducidos por Inacio Vilariño”, indicou. É necesario inscribirse en sopadeletraslalin@gmail.com.

Finalmente, a festa Sopa de letras remata o domingo 16 co obradoiro de xogos de Brazolinda, o espectáculo Festa da Compañía Eléctrica de Iria Piñeiro ou a presentación de A mar, amar de Xosé Luna. A clausura correrá a cargo das escritoras Rosalía Morlán, Charo Golmar e Ánxeles Madriñán, que ofrecerán un recital poético acompañadas de Manoele de Felisa. C. E.

13 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.