Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Lalín comezou esta semana a desinfeción nos institutos da vila

Visto bo ás bases das axudas deportivas ás que destinan un total de 75.000 euros

Esta semana deron comezo en Lalín os traballos de desinfección no IES Laxeiro (pola mañá) e no IES Ramón Mª Aller Ullo. Uns labores que se realizarán de xeito preventivo a diario, mentres duren as restricións sanitarias e en días alternos cando se levanten as restricións, segundo informou o Concello.

Sinalar que coa extensión dos labores aos institutos e ao colexio Sagrado Corazón, o goberno municipal pasa a acometer a desinfección da totalidade dos centros educativos lalinenses.

Deste xeito, os 9 centros educativos radicados en Lalín teñen garantida unha desinfección integral como medida preventiva ante a covid: CEIP Xesús Golmar, CEIP Manuel Rivero, escola unitaria de Donramiro, CEIP Xoaquín Loriga, CEIP Varela Buxán, CEIP Vicente Arias de la Maza, IES Ramón Mª Aller, IES Laxeiro e CPR Sagrado Corazón.

Unha medida que está a realizar unha brigada municipal específica para este tipo de cometidos. Os traballos estanse a desenvolver, ao igual que no resto de centros educativos, por parte dos dous operarios que conforman esta brigada, de xeito manual con mochilas automáticas nas áreas de máis contacto dos cativos, como portas exteriores, pasamáns, varandas, elementos de xogo, etc. e tamén nos solados daquelas zonas onde máis xogan e que teñen unha área máis reducida.

Nas superficies máis grandes, como patios de gran tamaño como o do IES Ramón Mª Aller e o colexio Sagrado Corazón, a aplicación estase a executar mediante un fumigador tirado por un tractor, como o que sen emprega nas rúas cada dous días e que leva dúas semanas traballando.

SUBVENCIÓNS. Por outra banda a xunta de goberno local de Lalín aprobou as bases das subvencións deportivas para este ano 2020, que ascenden a un total de 75.000 euros, unha contía que se incrementa con respecto á do pasado ano e que amosa “o esforzo do goberno municipal para coa práctica deportiva nun concello no que o deporte ten unha importancia decisiva”, explican os responsables municipales.

En total, o Concello de Lalín destina 60.000 euros para a potenciación do deporte base, o que supón un incremento importante respecto ao do pasado exercicio no ánimo de potenciar especialmente o deporte base nestes momentos, sinala o concelleiro de Deportes, Avelino Souto, e 15.000 euros para outras subvencións deportivas.

Indicar, finalmente, que o prazo de solicitude é de quince días desde que se publique o extracto no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

01 oct 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.