Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Lalín mellora a igrexa de San Xoán coas axudas ó Camiño

A próxima semana a Xunta publicará a orde de subvencións dirixidas a embelecer os bens e recursos da ruta Xacobea

A asociación cultural San Bartolomé de Botos recibiu 10.000 euros para adecentar o entorno do templo, situado na ruta da Vía da Prata do Camiño de Santiago, así como a praza da súa contorna. As actuacións leváronse a cabo no marco das axudas destinadas polo Goberno galego (na última convocatoria) para a mellora paisaxística e o embelecemento de bens e recursos no Camiño de Santiago.

As actuacións realizadas incluíron a substitución do falso teito, deixando á vista a estrutura de madeira de castiñeiro, a instalación de novas luminarias, traballos de pintura e a reparación de filtracións de auga. Ata o lugar desprazouse onte o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, quen destacou que se trata de “melloras que contribúen a consolidar a boa imaxe do Camiño de Santiago por parte dos peregrinos que percorren a ruta da Vía da Prata”, sinalou.

Rueda aproveitou a visita ao templo lalinense para anunciar que a vindeira semana se publicará a orde de axudas deste ano dirixida a entidades locais e particulares para levar a cabo actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos no Camiño e que contará cun orzamento de 1,5 millóns de €. “O Goberno galego incrementa a dotación respecto aos 1,2 millóns da última convocatoria para consolidar a boa imaxe das rutas xacobeas e seguir a traballar na mellora dos trazados neste Xacobeo 2021”, apunta o vicepresidente da Xunta. Destacou asemade que na nova liña de subvencións se vai favorecer de novo a posta en marcha da restauración de elementos etnográficos, vivendas e espazos agrarios, así como traballos de naturalización. Algúns dos proxectos que poden optar a estas axudas están relacionados co mantemento e a conservación de fontes, lavadoiros, hórreos, valados e peches, rehabilitación de vivendas e edificios anexos; ou a substitución de mobiliario urbano.

As iniciativas poderán ser financiadas ata nun 75% cun máximo de 15.000 € no caso da categoría 1 destinada aos concellos polos que pasa algunha das rutas xacobeas; e de 10.000 euros para a categoría 2 dirixida a persoas físicas e xurídicas privadas.

31 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.