Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Licitan o novo consistorio de Silleda por 1,8 millóns

silleda. O proxecto para a dotación da primeira fase da nova casa consistorial de Silleda está xa en fase de licitación. Tras o acordo da xunta de goberno do pasado xoves, a actuación figura xa na Plataforma de Contratación do Estado, onde sae a concurso –por tramitación aberta e ordinaria– por un importe total de 1.802.393,5 euros.

Segundo recolle o anuncio, as ofertas poderán presentarse durante 26 días naturais, rematando dito prazo o vindeiro 23 de febreiro. Para a execución desta obra establécese un prazo de 12 meses. O proxecto do novo consistorio de Silleda, baixo o lema Naturalmente noso, da autoría do arquitecto silledense Abraham Castro, contempla dúas fases de actuación a fin de unificar e centralizar todos os servizos municipais nun único recinto, na céntrica rúa Progreso.

Esta primeira fase, cun investimento de 1,8 millóns, bota a andar grazas á financiación da Deputación de Pontevedra, que a través do programa Reacpon inxectará 713.000 euros para a realización das obras. Nesta primeira fase remodelarase por completo o actual edificio que alberga a casa da cultura. Con esta remodelación integral do edificio, ao que se dotará dun carácter institucional, albergará na primeira planta o punto de atención cidadá, rexistro municipal, Policía Local e Xulgado de Paz. Na segunda planta está previsto ubicar as dependencias de Alcaldía e os departamentos de Intervención, Secretaría e Oficinas Xerais. Na última planta situaranse o salón de plenos e o auditorio, separados por tabiques móbiles e butacas reversibles para adaptarse, se fora necesario, ambos espazos. O proxecto, que a xuízo do alcalde é o máis destacado da lexislatura, conta con todos os informes técnicos favorables, e completarase nunha segunda fase cun novo edificio na parte traseira (na marxe oposta á biblioteca, que desaparece desta ubicación) de dúas plantas, onde estarán distintos servizos, e crearase un gran patio exterior, con xardín. Nesta parte posterior, con acceso dende a rúa Morón, farase un parquin soterrado. O novo edificio albergará tamén na planta baixa os despachos de servizos demandados. c. s.

31 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.