Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 23 octubre 2020
02:00
h

O asento que conta as potencialidades turísticas de Lalín

Púxose no Xardín Botánico o Banco Peregrino que leva incorporado un QR informativo

Lalín conta desde onte cun Banco Peregrino, mobiliario instalado na parte de arriba do Xardín Botánico. Unha iniciativa, promovida polo Concello, a través do departamento de Turismo, coa que se pretende poñer en valor as potencialidades turísticas do mencionado municipio ao redor das rutas xacobeas.

Así o destaca a concelleira de Turismo, Begoña Blanco, que xunto ao edil de Obras, José Cuñarro, se achegou a comprobar a instalación deste “elemento dinamizador e humanizador do Camiño”. “O deseño é sinxelo, e o elemento diferenciador é a frecha amarela, sinal que todo camiñante identifica facilmente coa viaxe a Santiago de Compostela, un símbolo inequívoco do Camiño”, sinala.

“A idea é centrar a atención do peregrino, sexa cal sexa a súa motivación, de maneira que faga un alto no Camiño para descansar despois de tanto esforzo. O banco facilita a súa parada para reflexionar e plasmar as impresións sobre o mesmo”, indica.

Blanco explica que “o Banco Peregrino é un banco para gozar da soidade e da natureza, da magnífica contorna que Lalín ofrece. Un banco no que reflexionar sobre a vida e o cambio que o Camiño provoca, reflexionar sobre as experiencias vividas en lugares tan fermosos como os que o noso Concello ofrece no seu percorrido polas nosas terras”, comenta a concelleira.

“Así mesmo, tamén pode ser un lugar onde socializar, entenderse, a veces, unicamente con xestos ou miradas a outros peregrinos que fagan esta parada no seu Camiño. Un banco onde descansar só ou en compaña, onde facer amizades ou descubrir o noso pobo”, precisa a edil.

“Ademais, o alto no Camiño pode ser o lugar ideal onde obter toda a información turística sobre Lalín, pois o banco leva incorporado un código QR con información xeral e redirección directa á páxina web de Turismo de Lalín (turismo.lalin.gal) onde se pode descargar toda a información necesaria sobre o noso Concello, incluíndo información específica sobre os dous Camiños. Desta maneira, a imaxe de destino vese claramente reforzada”, dixo.

APRAZAMENTO. Por outra banda e por mor das medidas de prevención específica como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica na comunidade autónoma, a Deputación de Pontevedra decidiu aprazar ata nova data a Ruta de Arquitectura prevista para este sábado 17 de outubro, na que se incluía a visita ao Pazo de Liñares en Lalín e ao Pazo de Oca, no municipio de A Estrada.

Dende o organismo provincial informouse onte que procederían a avisar a todas as persoas inscritas, mantendo as prazas ata a nova data acordada coa guía. “Por suposto, avisarémoslles en canto a teñamos”, engade a Deputación na nota remitida aos medios de comunicación.

18 oct 2020 / 01:00
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.