Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 27 febrero 2021
17:24
h

“O reto máis importante, sen dúbida, é pór a Dodro onde se merece”

Xabier Castro Tourís (Lestrove-Dodro, 1964) é un político do PSdeG-PSOE, que chegou á alcaldía nas últimas eleccións municipais, celebradas no ano 2019, grazas ao apoio do BNG e Unidade Veciñal, os seus socios de goberno. Di que o seu maior reto neste mandato é “pór a Dodro donde se merece”.

Ser un municipio pequeno supón unha carga?

Si, precisamente non ser dos grandes ás veces da máis dificultades para saír adiante ca un concello grande que ten recursos. Dodro non ten unha grande industria que pague un gran imposto, non ten un parque eólico Non sei, ás veces é difícil xestionar o día a día nun concello como Dodro.

O carácter rural de Dodro favorécelle ou perxudícalle?

A ruralidade de Dodro, que sexa tan rural estando tan cerca e tan ben comunicado, eu recoñezo que é unha paradoxa. É unha situación ás veces difícil de explicar. É un concello rural pero ao mesmo tempo, por exemplo, atravésao a liña de alta velocidade de Galicia; unha vía de alta capacidade como é a autovía do Barbanza, nace en Dodro, ou o acueduto de Vilalba-Tui tamén pasan polo concello. É dicir, estamos moi ben situados, estamos nun sitio moi chulo, pero somos un concello rural. E nós tratamos de sacar vantaxe a esa ruralidade dentro da boa situación xeográfica que temos. Chégase ao aeroporto de Santiago en 35 minutos; a fronteira con Portugal en 55; a praia, a Rianxo ou Boiro, en 20 minutos; chégase a capital galega en media hora, e iso é o que temos que tratar de pór en valor, que Dodro é un concello ideal para vivir, un concello aproveitable. E iso é o que estamos a facer, un labor de promoción do noso concello para que todo o mundo o teña en conta , fale del e saiba donde está.

É Dodro un dos municipios máis descoñecidos?

Claro. E que nós mesmos ás veces, ao preguntarnos de onde somos referímonos ao concello cabeza de comarca, a Padrón, decimos “do lado de Padrón”. E iso queremos que cambie, queremos que Dodro teña entidade propia. O outro día bromeaba cun tema de urbanismo. Bromeaba porque Dodro é un concello que ten tres saídas a autovía, non hai ningún ata o Barbanza, ata Ribeira, que as teña.... Practicamente a autovía podería ser unha circunvalación de Dodro. É curioso que un municipio tan pequeniño teña un ha circunvalación con catro carrís, podes entrar en Lestrobe e saír en Bexo. É dicir, hai cousas bastante obvias e non obstante a xente non coñece Dodro. Pasan por alí, pero seguro que moitos galegos que pasan non o sitúan. E ese é o traballo dos políticos, dos dirixentes do Concello, poñer en valor a terra donde vivimos, donde estamos, os nosos problemas e as nosas inquedanzas.

Que e máis importante fixar poboación ou atraer empresas?

Sobre todo fixar poboación. O tema das empresas é máis difícil de manexar. Por exemplo, nós estamos nunha zona industrial importante, está Finsa a tres quilómetros do noso concello, Cortizo, é dicir, hai moitas empresas que facilitan un número importante de empregos e que están a dez minutos en bicicleta, por dicilo así. O que pasa é que nós o que temos é que fixar poboación. A xente pode traballar fóra do noso concello pero sabendo que é un lugar extraordinario para vivir, tranquilo, un lugar que cada día intentamos que sexa medioambientalmente máis sostible, unha vila cunhas infraestruturas educativasespecialmente cuidadas. Temos un colexio rural agrupado con cinco escolas que darían case para un documental de Dinamarca, moi ben dotadas, con un profesorado moi bo. Temos unha gardaría fermosa e un CPI no que se pode estudar toda a Secundaria. Quero dicir que sendo un concello pequeno temos moi boa dotación e moi boa calidade de vida. E iso a xente ten que telo en conta, porque hoxe en día desprazarse en cinco, dez ou vinte minutos para traballar entra no máis aceptable. Hai xente que vive nunha cidade como Santiago e ten que moverse máis de 30 minutos do seu domicilio ao traballo. Dodro é un lugar, as Brañas de Laíño, con moito arborado, unha cousa que chama a atención cando transitas no coche. É unha zona preciosa para vivir, estar e para criar unha familia. Asentar empresas, sería un plus. Desde que chegamos traballamos no tema do solo industrial, en buscar un equilibrio futuro entre a sostibilidade cunha boa ubicación dun polígono industrial, que non ten porque ser un gran polígono para ser efectivo.

Di que Dodro é un concello pequeno, pero aínda así pode presumir dunha grande actividade cultural, agora paralizada pola pandemia. Como van revitalizala?

As actividades culturais son as máis aletargadas pola pandemia. Estamos aí na recámara preparando cantidade de cousas. Estamos participando na fundación Rosalía de Castro. Este goberno é o primero en entrar na Fundación. O seu presidente é un ilustre veciño de Dodro, Anxo Angueira. Temos dous premios xerais de narrativa en Dodro. Dodro ten un acervo cultural importante, e está na nosa man levantalo. Niso estamos. Entramos outra vez na ruta rosaliana e estamos traballando en todo o que consideramos importante para os nosos veciños e veciñas.

E a todo isto súmase o premio de poesía e a música e as bandas de Laíño e Lestrobe?

Si, por suposto. Temos un gran premio de poesía, o máis antigo de Galicia, que é o Eusebio Lorenzo Baleirón, e estamos intentando que o Día das Letras Galegas sexa tamén adicado ao noso poeta máis ilustre. E é que Dodro era unha zona de bos e grandes músicos e tiña dúas bandas. Precisamente foi o xerme da banda de Padrón.

Teñen moitas instalacións para tanta actividade cultural?

Intentamos aproveitar todo. O Pazo de Lestrove, estamos reconstruíndo a Casa do Regadío, e imos intentar facer un edificio de usos múltiples. Temos moita marxe. Non sei si dará tempo nesta lexislatura, porque a COVID está paralizando moitas cousas . A situación non é boa para ninguén.

Cal é o seu reto máis importante para esta lexislatura?

O reto máis importante, sen dúbida, é pór a Dodro onde se merece. Son o primeiro alcalde que nacín e que vivo aquí. Os meus fillos críanse en Dodro, e para min é importante trasmitirlle a toda a veciñanza ese orgullo que sinto pola vila. Si neste primeiro mandato, porque espero repetir as cousas como son, son capaz de que os meus veciños estean orgullosos de ser veciños deste municipio; de que o alcalde e os concelleiros estemos orgullosos do noso traballo, en todos os ámbitos, pois xa estaría ben. Puntualmente, pois evidentemente gustaríame rematar a concentración parcelaria, buscar unha boa situación para un polígono industrial, para un solo industrial. Gustaríame revertir a curva de perda de poboación, que empece a picar para arriba. Sen dúbida estamos facendo cousas innovadoras para atraer xente de fóra, facémolo xunto a unha ONG. E que vexan que Dodro é un bo sitio para vivir. Con iso atoparíame moi contento.

14 feb 2021 / 00:05
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.