Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Premio para elixir as máis destacadas lalinenses

O Concello organiza o Maruja Gutiérrez polo 8 de marzo // A presentación de candidaturas vence o vindeiro 22 de febreiro

O Concello de Lalín, a través das concellerías de Igualdade e Comercio, vén de convocar o XV Premio ás Mulleres Dna. Maruja Gutiérrez 2021, con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, e cuxas bases reguladoras foron aprobadas pola xunta de goberno local. O prazo de presentación de candidaturas rematará o luns 22 de febreiro. Ambas concellerías animan á participación de candidaturas a este premio, que ten por obxecto visibilizar e distinguir a profesionalidade, a capacidade de iniciativa empresarial e a traxectoria persoal e social das mulleres lalinenses neste ano 2021.

Trátase duns galardóns que naceron a fin de promover a transformación de estereotipos sexistas e rachar coas situacións de discriminación por razón de xénero, así como para estimular e recoñecer o esforzo e a traxectoria de mulleres que están desenvolvendo un labor importante no ámbito da igualdade. Os interesados en propoñer unha candidatura ou en optar a este galardón deberán remitir as candidaturas ao Rexistro Xeral do Concello de Lalín, aínda que tamén poderán enviarse por correo electrónico a igualdade@lalin.gal. Ditas candidaturas deberán achegar a ficha que se xunta como anexo I na orde publicada no BOPPO e proporcionar datos suficientes.

Poderán optar ao premio: empresarias con independencia da forma xurídica da súa empresa e con domicilio social en Lalín e mulleres ou asociacións/colectivos que destaquen pola súa traxectoria tanto profesional como persoal ou no eido social.

O xurado o integrarán concelleiros/as e persoal técnico de diferentes áreas e por representantes do tecido asociativo e empresarial de Lalín, presidido polo alcalde ou a persoa en quen delegue, e cuxa secretaría, que será desempeñada pola axente de Igualdade, outorgará 4 premios nestas categorías: Xove empresaria (idade máxima 35 anos, ou que a creación da empresa non supere os 3 anos de antigüidade); Empresaria innovadora; Traxectoria toda unha Vida e Mulleres en movemento, para mulleres ou asociacións/colectivos femininos que destaquen pola súa traxectoria.

Os premios outorgaranse en especie, e consistirán nunha peza orixinal realizada para este galardón.

27 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.