Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Quen lle pon prezo á carne e os ovos en Galicia?

A Central Agropecuaria de Galicia conta coa única subasta de gando bovino de toda España e xestiona ademais as mesas de prezos do porcino cebado, o leitón, a galiña, o coello e os ovos.

Os galegos estamos profundamente familiarizados co proceso de fixación de prezos dos produtos do mar; as distintas clases de peixe, marisco e cefalópodos son subastados nas aproximadamente sesenta lonxas dispersas polo conxunto do litoral galego. Case que calquer cidadán galego, xa sexa habitante da costa ou do interior, coñece minimamente o seu funcionamento, e mesmo se converten nunha atracción turística durante os meses estivais.

Non obstante, cando se acude a unha superficie comercial a mercar carne de porco, ovos ou coello, ignórase por completo que no corazón de Galicia, na comarca do Deza, na Central Agropecuaria de Galicia traballouse arreo para fixar un prezo de referencia en Galicia para eses produtos, son as coñecidas como mesas de prezos. Persoal da Central encárgase de avaliar as cotizacións dos diferentes produtos –porcino cebado, leitóns, ovos, galiñas e coellos– nos mercados de referencia: a nivel estatal Madrid e Barcelona e de Holanda a nivel europeo.

En base a esa cotización noutros mercados, póñense en contacto telefonicamente con representantes da produción e a distribución de cada un dos produtos para fixar un prezo de referencia semanal, que a Central fai público cada mércores. De modo, que por exemplo o porcino cebado está a un prezo de referencia esta semana de 1,3€/kg e o coello a 1,75€/kg, é dicir este será o prezo orientativo coa que contarán esta semana produtores e distribuídores á hora de realizar as súas transaccións, facilitando deste xeito o encontro e entendemento entre oferta e demanda.

Ademais desta labor coa mesa de prezos, na Central Agropecuaria realízase tamén de forma presencial unha subasta de gando bovino, cun sistema pioneiro en España que constitúe a única poxa informatizada no Estado que exclúe a presenza de intermediarios.

Realízase cada martes nos pabillóns da Feira Internacional de Galicia acollendo poxas de tenreiros de recría, tenreiros cebados e vacas de desvelle, cun sistema que garante total transparencia e seriedade nos prezos, maximización dos resultados da venda, seguridade de cobranza inmediata, ausencia de tensión comercial, horario de métodos cómodo e a non necesidade da presenza do propietario coa seguridade dunha xestión óptima; grazas á figura dos transportistas que exercen de axentes da Central recibindo avisos por parte dos produtores para recoller os seus animais e levalos á subasta.

A covid tamén supuxo cambios

A pandemia global do coronavirus e as medidas hixiénico-sanitarias derivadas da propagación epidémica teñen suposto inevitablemente cambios no funcionamento do proceso de subasta. A Central puxo en marcha un sistema telemático para comunicar aos usuarios os resultados de cada subasta en tempo real, evitando deste modo que estes teñan que acudir ao recinto feiral de Silleda, un método que por outra banda permite axilizar o mercado, polo que a Fundación Semana Verde decidiu que funcionará de xeito permanente máis alá da situación xerada pola covid.

O método empregado foi a aplicación TokApp, a través dela; os transportistas, gandeiros e tratantes recibirán unha listaxe cos números dos animais e as poxas máximas acadadas por eles. En caso de querer rexeitar algunha das poxas deberá responder no mesmo mensaxe, indicando o número de animal que rexeita. Os usuarios contan con 15 minutos para rexeitar algunha das poxas senón sera aceptada automaticamente.

Deste modo, quedan separados os vendedores que só acuden á Central entre 15.00 horas do luns ás 02.00 horas do martes, horario para a recepción do gando así como da súa documentación sanitaria. Mentres que os compradores contan para a inspección, valoración dos animais e entrega das puxas ata as 10 horas no caso das vacas e o cebado e ata as 10:30 horas para os terneiros de recría.

Ademais, por outra banda, todos os operadores que accedan ao recinto deberán someterse a unha medición de temperatura corporal na porta de entrada ao recinto, que será realizada polo servizo de seguridade do recinto.

15 sep 2020 / 00:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.