Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Silleda solicitará que se faga un cribado ante o aumento dos casos

O goberno local decidiu pechar durante 15 días as actividades do Concello non esenciais

Silleda. O pasado sábado o número de casos activos no municipio silledense disparábanse ata os 57, ao tempo que a incidencia acumulada supera xa (segundo datos do sábado) os 600 casos por cada 100.000 habitantes. Ante este “alarmante” aumento dos contaxios por coronavirus o Concello vai instar ás autoridades sanitarias a realizar un cribado entre todos os veciños e veciñas.

Á espera da decisión que tome hoxe o comité clínico da Xunta de Galicia, o alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, advirte que a adopción de medidas como a realización do cribado “algo que se fixo noutros municipios da zona”, lembra, pode resultar “beneficioso para tratar de frear a preocupante expansión de contaxios”, sinala.

Así mesmo, apela á responsabilidade para cumprir as normas establecidas. “A situación é moi complicada”, insiste o alcalde, e recorda que dende o Concello xa se adoptaron medidas complementarias, dentro das competencias municipais, para pechar todas as actividades que non se consideran esenciais nos centros de titularidade do Concello durante os próximos 15 días. O alcalde lamenta asemade o falecemento dunha veciña do municipio que tiña patoloxías previas.

O pasado sábado día 9 Silleda contaba con 17 casos activos, 40 menos que o dato actual. “O aumento é alarmante, por iso pedimos que dende as autoridades sanitarias se teña en consideración a realización do cribado”, engade Cuiña, que conmina á veciñanza a saír da casa o menos posible.

TRAZO Por certo que dende o municipio de Trazo informan de que os positivos na vila ascenderon ata os 28. Ante a gravidade dos datos, o Concello recorda que todos os veciños e veciñas que “precisen axuda por cuestións derivadas desta complicada situación epidemiolóxica na que nos atopamos” non teñen máis que chamar aos teléfonos 981 689001 (Concello) ou ao da alcaldía (648 92 29 50).

Pídenlle á veciñanza que extreme as precaucións en todo momento e avisan de que mentres non mellora a situación todas as persoas que necesiten pasar pola casa consistorial terán que pedir cita previa, algo que se manterá ata novo aviso mentres non progresen os datos epidemiolóxicos. A.P.

18 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.