Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Un tríptico de Manuel Pazos lembra no Concello de Oroso a Batalla de Sigüeiro // Enfrentou a tropas progresistas contra as moderadas de Narváez // Houbo cen mortos ao pé da ponte intermunicipal, e logo outra loita en Teo TEXTO Marcos Manteiga

A loita pola liberdade tinguiu de vermello o Tambre hai 175 anos

A Batalla de Sigüeiro, que enfrentou na entrada de Oroso a tropas progresistas contra as moderadas un 13 de abril de 1846, cumpre este martes o seu 175 aniversario. Foi un intento, duramente reprimido, de sacar do poder a un xeneral, Narváez, con ínfulas totalitarias, e que desde Obradoiro da Historia e o Concello non queren que se enquenza. Porque foron preto de cen os mortos na contenda, tinguindo de vermello un dos ríos máis coñecidos de Área, o Tambre, en cuxa ribeira produciuse esa loita que procuraba liberdade e avanzar cara ó galeguismo.

Segundo lembra Manuel Pazos, presidente da AC Obradoiro, os interesados teñen xa na biblioteca do sociocultural o tríptico que fixeron por este motivo, lembrando que durante a segunda metade do século XIX, o Partido Moderado e o Partido Progresista gobernan o Estado español de forma alternativa. A partir do ano 1843 ocupa o poder o Partido Moderado, nomeando a un militar, o xeneral Ramón María Narváez, xefe do Goberno con atribucións que o converten nun ditador. “É entón cando no noso país o Partido Progresista, apoiado por militares liberais e universitarios, deciden derrubar o goberno de Narváez a través de pronunciamentos militares asentidos por membros de todas as clases sociais”, explica Pazos.

Apoian o pronunciamento os progresistas, os liberais e os chamados provincialistas, que querían que Galicia fose unha soa provincia, con certa autonomía e institucións propias. “Estes provincialistas progresistas posteriormente converteríanse en rexionalistas e no século XX en galeguistas”, continúa a mesma fonte, sen esquencer que o 2 de abril do ano 1846 pronúnciase en Lugo o comandante Miguel Solís y Cuetos apoiado polas forzas progresistas da cidade. Días despois levántase o exército en Santiago ao que se unen as milicias universitarias.

O exército de Miguel Solís (xunto con centos de voluntarios) trasládase de Lugo a Santiago e de Santiago cara A Coruña, mais o día 8 de abril do ano 1846 baten en Sigüeiro co Exército español. Sen renderse, Solís recúa a Compostela. Non hai vítimas. Mentres, o levantamento revolucionario espállase e nos días posteriores sublévanse militares e civís nas cidades de Pontevedra, Vigo ou Tui. O 13 de abril de 1846 prodúcese o segundo encontro en Sigüeiro (ao lado da Ponte sobre o Tambre e da hoxe desaparecida fábrica de curtidos), a denominada Batalla de Sigüeiro entre o exército progresista e o exército conservador mandado desde Madrid. Segundo documentos da época, houbo un cento de vítimas e os dous bandos retíranse de Sigüeiro en dirección a Compostela.

Uns días despois entran grandes continxentes do Exército español para sufocar a rebelión. Debido á súa superioridade e organización, os militares derrotan ao exército progresista na Batalla de Cacheiras o día 23. Solís e os seus seguidores retíranse cara a Compostela, para ao final renderse. Os líderes da revolta son apresados e conducidos a Ordes para ser xulgados ou asasinados. Ao final será en Carral onde os fusilen o día 26 de abril de 1846. Nesta vila levántase unha gran cruz en homenaxe aos vencidos, os denominados Mártires de Carral. “Os rebeldes que non caeron fusilados, foron encadeados, perseguidos, desterrados... moitos tiveron que fuxir a Portugal; é o caso de Antolín Faraldo, un dos líderes intelectuais da revolta. Oroso quere pór no seu almanaque da historia estas datas nas que as augas do Tambre se tinxiron de cor vermella, de persoas que loitaron pola xustiza e a dignidade”, remata Pazos.

13 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.