Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Advirte o PP arzuán dun colapso nas licenzas das obras

A implantación da administración electrónica, din dende o Concello, explica os datos de 2019

“Todo apunta a un novo 2020 negro en canto a número de licenzas aprobadas”, así de taxantes se amosan nun comunicado de prensa os populares de Arzúa con respecto ás licenzas de obras aprobadas para este ano. E é que segundo indican dende o partido, é unha “mala situación” que se repite. “Cando concorremos ás eleccións municipais sinalamos un feito grave e insólito no noso concello: cero licenzas aprobadas entre xaneiro e maio de 2019”, sinala o portavoz, Rafael Rivadulla. O exercicio pasado, din, “pechou con só nove, nun concello de 6.041 habitantes, e dende o noso grupo estimamos as solicitudes sen aprobar en aproximadamente un cento”, apuntan. O PP considera “moi grave” que dende xaneiro a agosto do ano pasado non se aprobasen licenzas, e que a única fose para facer obras no IES “para evitar a perda dun millón de euros de subvención da Consellería Educación”, apostillan dende a formación.

Rivadulla cre que son datos “preocupantes”, e por iso lles solicitaron ao Concello un informe sobre as solicitudes realizadas e non aprobadas “que estimamos en case duascentas para 2019 e 2020”, din. Consideran que as consecuencias disto son “descoñecidas” para particulares e negocios pero “si sabemos que hai axudas e subvencións que dependen da licenza municipal e algúns solicitantes perderon axudas por non telas a tempo”, aseguran os populares. Critican asemade que a tardanza en conceder as licenzas “é excesiva”. “A única solución prevista polo goberno foi a contratación vía concurso do reforzo do servizo de asistencia técnica urbanística”, apuntan. Unha proposta que o PP cre “que non servirá de moito, pois o mecanismo de concesión de licenzas está a fallar en máis dun punto e esta solución o único que traerá será un maior custo para as arcas municipais, e non se traducirá nun aumento das mesmas”.

CONCELLO. Ante estas declaracións, o goberno local de Arzúa deixa claro que este é “un tema recurrente do PP para facer oposición contra o goberno municipal, sempre terxiversando os datos e faltando á verdade”. Como resposta ao baixo número de licenzas do 2019, o Concello explica que ese ano “houbo un cambio na secretaría municipal” e “a nova secretaria ocupou moito do seu tempo na implantación da administración electrónica para dar cumprimento así á Lei en materia de Contratación e para dar maior seguridade xurídica a todos os expedientes do concello. Implicou ademais unha maior modernización en todos os departamentos municipais”, sinalan. Xustifican os datos do 2020 coa interrupción do estado de alaram, que obrigou a interromper moitos prazos e “aínda así o departamento de Urbanismo sacou moito traballo adiante”, aseguran.

Por outra banda, o executivo local considera “extraño que unha persoa, o señor Rafael Rivadulla, que pretende ser alcalde dun concello non diferencie entre licenzas e comunicacións previas, como tampouco entre prezo de licitación e prezo de adxudicación”. Ademais critican que Rivadulla fale do que vai costar o servizo de asistencia técnico urbanístico, “cando nin sequera está contratado o servizo”. Afirman que no que levamos de ano “se teñen concedidas 16 licenzas e denegadas 4 e hai máis de 100 requerimentos de documentación doutras tantas solicitudes”.

18 oct 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.