Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Arzúa celebrará a Festa do Queixo en marzo de maneira telemática

Leva por nome Edición XS polo seu pequeno formato e por estar dirixida á cativada

Arzúa. Tamén o Concello de Arzúa terá que botar man este ano das novas tecnoloxías para poder celebrar a cita máis famosa do municipio: a Festa do Queixo. Este 2021 a 46 edición será totalmente online e estará dedicada aos máis pequenos da casa. Leva por nome Edición XS polo público obxectivo e tamén polo seu programa de pequeno formato, adaptado este ano ao celebrarse de forma telemática, con retransmisión en streaming de todas as actividades e concertos desde a web www.festadoqueixo.org.

O programa da primeira fin de semana de marzo abrirase o sábado día 6 ás 11.00 horas cun pregón compartido, protagonizado e escrito de xeito colaborativo polo alumnado dos centros educativos de Arzúa. “O protagonismo no pregón deste ano quíxose que fose para os escolares, que tan ben o están a facer nestes tempos difíciles, e a toda a comunidade educativa en xeral por todos os esforzos”, explican fontes municipais. Por iso, a idea do Concello foi convidar a todos os centros do municipio para elaborar o pregón. A mecánica consistirá en que un dos cursos a elixir polo propio centro redacte unha parte do mesmo para que sexa continuado polo seguinte. Unha vez rematado, lerase desde a capela da Madanela por un representante de cada colexio.

As propostas continúan a mañá do sábado co showcooking Desde Arzúa, con amor e queixo, que desenvolverán tres restaurantes e un centro educativo arzuán. Ademais, dende as 12.00 horas abrirán as demostracións os restaurantes 1930 Hotel Boutique e Casa Chelo. Nelssy Soriano, do 1930 Hotel Boutique inaugurará o evento desde a cociña do recinto feiral Terra do Queixo preparando “o Tótem, un entrepán de dobre tradición galega”, relata. A continuación, María José Sanmartín, de Casa Chelo, será a cociñeira encargada de pechar as demostracións do sábado preparando unha “ensalada diferente temperada con sardiñas afumadas e queixo de Arzúa”.

Na tarde desta mesma xornada, ás 18.00 horas, terá lugar a charla que leva por título Os queixos galegos no tempo da COVID, no set instalado na capela da Madanela, un debate entre os representantes dos catro consellos reguladores dos queixos galegos con Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa, Queixo Tetilla e Queixo do Cebreiro.

Xa o domingo 7, o obradoiro de cociña desenvolverase dende o recinto feiral e ás 12.00 horas a quenda correrá a cargo de Pilar Rodríguez, do restaurante Fonte do Picho, situado no Pazo Santa María, coa receita Arroz meloso con polbo e queixo Arzúa-Ulloa.

Xa para rematar, Luisa Sánchez e María García, da Efa Piñeiral, prepararán unha doce sobremesa que leva por título Doces campos de Arzúa-Ulloa. No eido musical, o Festival do Queixo celebrará dous concertos, un para rematar cada xornada.

Ortiga pechará a xornada do día seis ás 21.00 horas. Trátase dun artista compostelán contemporáneo que está apostando por novos sons e que conta cunha gran proxección a nivel estatal.

Pola súa parte, Alma Dueto será o encargado de pechar esta edición o domingo 7 ás 18.00 horas. O dúo está formado por Alejandro González e Maya Grillo, que debuta en 2013 en Cuba e a súa traxectoria artística despunta na República Dominicana. A. P.

25 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.