Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 29 enero 2022
02:10
h

Arzúa inaugurou a Festa do Queixo co pregón escolar

Nelssy Soriano e María José Sanmartín foron as chefs encargadas de facer os showcooking

A pandemia non permite aos arzuáns celebrar a súa festa gastronómica máis coñecida con normalidade, pero as novas tecnoloxías fixeron posible desfrutar onte do primeiro día do festexo dende a comodidade do fogar. A Festa do Queixo de Arzúa retransmitiu en streaming dende a web www.festadoqueixo.org todas as propostas do primeiro día. Unhas actividades que arrancaban co pregón desta 46 edición, que foi elaborado de forma colaborativa polo alumnado dos centros educativos do municipio.

A persoa encargada de abrir o pregón foi a concelleira de Cultura, Aurora Varela, que seguidamente deu paso aos estudantes. Hugo Mera, de 3º da ESO do IES de Arzúa, foi o seguinte en intervir; e tras el tomaron a palabra Celia Zapata de 5º de Primaria do CEIP de Arzúa, e María Senín, que cursa o 1º ciclo de actividades comercias do centro EFA Piñeiral.

Dende a páxina web adicada á celebración, os interesados tamén puideron desfrutar dos showcooking protagonizados por Nelssy Soriano, do 1930 Hotel Boutique, e María José Sanmartín, de Casa Chelo. A primeira encargouse de elaborar, dende a cociña do recinto feiral Terra do Queixo, un totem, un entrepan de dobre tradición galega. María José Sanmartín, pola súa parte, agasallou aos espectadores cunha orixinal ensalada temperada con sardiñas afumadas e queixo de Arzúa. Xa pola tarde foi o turno dunha entrevista denominada Os queixos galegos no tempo da COVID. Aínda que estaba prevista a asistencia dos representantes dos catro consellos reguladores, finamente só puideron estar presentes dous: o presidente da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa, José Luis Carrera; e a secretaria da DOP Cebreiro, Teresa Prado. A xornada virtual de onte pechouse cunha das partes máis características desta festa; os concertos. O artista compostelán Ortiga actuou ás 21.00 para presentar o seu álbum Chicho & sus chichas.

Hoxe continúan as propostas, tamén en streaming dende a web da festa. Ás 12.00 horas Pilar Rodríguez, do restaurante Fonte do Picho, situado no Pazo Santa María, cociñará unha receita de arroz meloso con polbo e queixo Arzúa-Ulloa. Seguidamente Luisa Sánchez e María García da EFA Piñeiral prepararán unha doce sobremesa chamada Doces campos de Arzúa-Ulloa.

Xa ás 18.00 horas porase fin a esta edición ‘pandémica’ coa actuación musical de Alma Dueto, composto polos artistas Alejandro González e Maya Grillo.

07 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.