Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Arzúa opta por manter as feiras quincenais

Continuarán celebrándose os mercados dos días 8 e 22 baixo as medidas de seguridade

O Concello de Arzúa atópase dende a noite do pasado mércores no nivel máis alto de restricións debido ao incremento dos positivos en COVID. E por iso a Comisión de Seguimento se reuniu na casa consistorial para adoptar acordos vinculados a garantir a seguridade e saúde de toda a veciñanza.

Unha das cuestións abordadas ao longo da sesión foi a relativa á celebración das feiras quincenais, que teñen lugar os días 8 e 22, e que decidiron manter. Hoxe mesmo terá lugar a segunda feira do ano en Arzúa e organizarase “seguindo escrupulosamente todas as medidas de seguridade e saúde”, apuntan fontes municipais. “Garantirase a distancia necesaria entre os distintos postos replantexando as súas dimensións, vixiarase o estrito cumprimento no uso de máscaras e xel hidroalcohólico e reforzarase o servizo de vixiancia, cumprindo ademais cos límites de aforo establecidos”, aseguran.

Todos as persoas que forman parte da comisión coincidiron en sinalar “a importancia de seguir mantendo a celebración do mercado, que para moitas familias do municipio é un piar importante das súas economías e que lles permite dar saída a produtos das súas hortas e explotacións”, apunta o Concello.

Os espazos e servizos públicos continuarán abertos ao público (a biblioteca ten activo o servizo de préstamo e pode usarse como lugar de estudo e consulta) excepto o parque infantil, algo que se decidiu polo “inminente comezo das obras de ampliación”.

TORDOIA. Tamén acaba de pasar ao nivel máximo de restricións o municipio de Tordoia. “No noso caso xa tíñamos pechados dende finais de novembro os centros sociais, a excepción dalgunha actividade formativa moi concreta”, lembra o rexedor, Antonio Pereiro. Asemade tampouco estaba a funcionar o ximnasio nin a biblioteca municipal dende o pasado mes de novembro.

O que si manteñen abertos ao público son os parques infantís e tamén permiten acudir á casa do concello sen cita previa, iso si, lévase un rexistro á entrada.

22 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.