Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Arzúa viviu unha fin de semana protagonizada polo mel e as abellas

AGA organizou dous foros de apiturismo e apicultura, mostras, feira e degustacións

Arzúa. Durante a fin de semana a Asociación Galega de Apicultura (AGA) puxo en marcha a 36 edición da Mostra Galega de Apicultura. Durante dous días ofrecéronse obradoiros de formación, palestras sobre apiturismo, exposicións, degustacións de produtos apícolas, feira de material apícola e actividades para os nenos e nenas.

Tiveron lugar dúas propostas que se desenvolveron de xeito paralelo: o Foro de Apiturismo e o de Formación en Apicultura. No primeiro ofrecéronse varias palestras sobre as rutas de apiturismo que se están pondo en marcha na Serra do Candán, Costa da Morte, Courel e Serra do Xurés. Todas estas presentacións foron ofrecidas por persoas expertas de cada zona que relataron as características principais das rutas, a través das cales se pode descubrir o patrimonio apícola, tesouros que se agochan nos montes e aldeas e que representan a antiga e importante tradición apícola galega: as alvarizas, construcións milenarias para a defensa das colmeas do oso ou outras ameazas, colmeas tradicionais moi particulares como as lacenas, colmeas que se ubicaban dentro das casas cunha saída ao exterior, ou as que posúen teitos de palla, cun aspecto con forma de cabana moi peculiar.

Nos obradoiros de formación do Foro de Apicultura os participantes puideron aprender da man de expertos sobre as diferentes materias técnicas sobre reprodución das abellas e alimentación, recibir formación en sanidade apícola, así como descubrir ferramentas para combatir o tártago de patas amarelas vespa velutina. Noutros obradoiros degustaron os diferentes tipos de Mel de Galicia e os meles premiados no Concurso Meles Cinco Estrelas, así como outras elaboracións preparadas a partir deste produto, e descubrir como colleitar e aproveitar un dos alimentos da colmea de maior valor medicinal, a chamada própole.

Ademais de todo isto, tivo lugar a tradicional feira de material apícola, á que asistiron varias casas comerciais, houbo un espazo para crianzas con xogos para aprender sobre o mundo das abellas e un xantar amenizado con música de acordeón.

Durante a xornada dominical AGA entregou as distincións Corenta anos facendo o Camiño a entidades galegas comprometidas coa apicultura da comunidade. Asemade, os e as asistentes puideron continuar desfrutando das variadas actividades que se ofreceron durante toda a fin de semana nos dous espazos paralelos: o Foro de Apiturismo e o Foro de Formación en Apicultura.

Por unha banda o primeiro, que tiña como obxectivo promocionar o apiturismo de Galicia coa presentación das rutas que se están pondo en marcha a través do proxecto de AGA Apiturismo Xacobeo 2021, ofreceu palestras sobre as rutas nos Ancares e na Ribeira Sacra e sobre o patrimonio tradicional cereiro de Galicia, en concreto sobre o Lagar de Cera de Paraños en Covelo. No de Apicultura houbo obradoiros que impartiron expertos nas diferentes materias. Tamén se degustaron os meles que foron galardoados. C.G.

06 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.