Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O municipio de Trazo vén de recibir 25 composteiros de Sogama, e xa se asignaron dezaséis // Tordoia e Melide puxeron en marcha sendos obradoiros para ensinar a facer este proceso correctamente // En Touro catrocentas familias fan o seu propio compost, e O Pino está pendente de estrearse TEXTO Alba Prada

Aumenta a compostaxe no rural

Os concellos da comarca ordense están cada vez máis implicados coa compostaxe doméstica (proceso de descomposición da materia orgánica xerada no fogar para obter compost, e empregalo logo para acondicionar os xardíns ou hortas). Unha boa parte deles adquiren os composteiros a través de Sogama e outros fixéronse con remesas por medio da Xunta de Galicia.

O municipio de Trazo acaba de recibir 25 novos cedidos por Sogama, dos que 16 xa están adxudicados. Desta forma unhas 75 familias estarían a realizar a compostaxe na vila. Quedan aínda nove por asignar e dende o Concello animan a solicitalos. No veciño concello de Tordoia tamén son moi poucos, “arredor duns quince” en verbas do rexedor, Antonio Pereiro, os que quedan por asignar. Neste caso recibiron hai uns meses un total de 150 “e foron todos entregados”, conta Pereiro.

En total, na vila hai unhas 170 familias que elaboran o seu propoio compost. A concienciación dos tordoienses é en boa parte debida ás campañas do goberno local. Nos últimos meses puxeron en marcha obradoiros presenciais para ensinar a usar os composteiros e incluso crearon a páxina web www.tordoiaverde.es, na que suben todo tipo de contidos dirixidos a crear un municipio máis verde e sostible.

Melide é outro dos concellos da comarca que está moi implicado na reciclaxe. De feito ten en marcha un programa de compostaxe cofinanciado pola Consellería de Medio Ambiente a través dunha subvención FEDER 2014-2020. A pasada semana promocionouse a iniciativa, realizouse un obradoiro sobre a materia e entregáronse os composteiros aos participantes. Segundo fontes municipais “repartíronse 45 dun total de 100” e o vindeiro 26 deste mes “instalarase de novo unha carpa no Cantón de San Roque para que se poidan apuntar máis persoas”.

No caso de Touro, o Concello aínda ten unha remesa de cen para entregar. Dende o goberno local animan aos veciños e veciñas a solicitalos e pídenlles que se decidan a participar deste proceso. “Hai pouco contactou Sogama con nós para entegrarnos máis composteiros, pero de momento aínda temos esta remesa pendente”, aclara a administración local. En todo o municipio de Touro hai 400 recipientes nas casas, sufrados polas arcas municipais.

Frades recibiu de Sogama xa 75, en tres quendas de 25, dende 2019. A acollida foi tan boa, segundo revelan fontes municipais, que Sogama foi achegando novas remesas. Dos últimos 25 que recibiron o ano pasado quedan só 5 por adxudicar. En consecuencia, xa son 70 as familias fradenses concienciadas co mencionado proceso. Un concello que se estreará é O Pino, que aínda non ten composteiros, pero que xa solicitou cincuenta á Xunta de Galicia e está pendente de recibilos.

As vantaxes de facer o propio compost son múltiples. Dende o punto de vista medioambiental lógranse depositar menos desfeitos no contenedor verde, e mellora as condicións físicas, químicas e biolóxicas do solo. E dende a perspectiva económica vese reducida a factura a pagar a Sogama. Esta estrutura evita asemade os cheiros, permite manter a zona limpa e recollida, facilita o control das condicións axeitadas de humidade, temperatura e osíxeno. É asemade de fácil montaxe e de sinxelo mantemento.

areadecompostela@elcorreogallego.es

A PROTAGONISTA
“HAI MOI BOA RESPOSTA DA VECIÑANZA”
Fina Suárez
Alcaldesa de Trazo

“Desta nova remesa de 25 composteiros que acabamos de recibir a través de Sogama, xa están 16 adxudicados, e procederemos a entregalos proximamente”, relata a alcaldesa de Trazo. “O certo é que actualmente xa hai unhas 75 familias que contan con eles e que están a practicar a compostaxe”, explica Fina Súarez.

A rexedora anima á veciñanza a solicitar os que aínda quedan libres, e para iso non teñen máis que chamar ao Concello (981 689 001) ou ben achegarse ata a casa consistorial. “Dende o goberno local un dos nosos obxectivos é concienciar aos cidadáns da importancia que a compostaxe doméstica ten sobre o medio ambiente e a propia economía”, apunta asimesmo Suárez. E é que hai que lembrar que grazas a isto lógranse depositar moitos menos desperdicios no contedor verde convencional e redúcese así a frecuencia da recollida por parte dos servizos municipais.

“O certo é que estamos a recibir unha moi boa resposta por parte dos veciños e veciñas. Están moi implicados”, relata.

{ A OLLADA }
Recupérase a tradición
Alba Prada

A CRECENTE concienciación sobre a compostaxe que se está a promover no rural galego implica en toda regra recuperar unha tradición cen por cen nosa como é a separación dos restos orgánicos para alimento do gando e a elaboración de compost. Hai que ter en conta que gran parte dos refugallos que xeramos son biodegradables, polo que dispoñemos dunha cantidade de materia orgánica significativa da que podemos obter beneficios se sabemos aproveitala. No rural os composteiros evitan que todos os desperdicios vaian parar ao contedor e permite aproveitalos para acondicionar os xardíns e hortas. Gaña o medio ambiente, ao reducirse as emisións de C02 e ao nutrir o solo; e tamén a economía. Apostemos pola sostibilidade.

20 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.