Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cinco profesionais atenderán a nova unidade para axudar a ordenses con trastorno mental

Funcionará no centro de saúde da capital comarcal a vindeira semana, e inclúe dúas psiquiatras e psicólogo

Ordes. Os doentes de Ordes, Frades, Mesía, Tordoia e Trazo contarán desde a vindeira semana cun novo servizo no ámbito da Atención Primaria. Trátase da Unidade de Saúde Mental que se creará no centro de saúde de Ordes en horario de tarde. Así o vén de confirmar onte o Servizo Galego de Saúde (Sergas). Esta mellora na atención sanitaria, enmarcada no Plan de Saúde Mental de Galicia posCOVID, suporá o achegamento da atención en saúde mental aos doentes desta comarca coa próxima incorporación de cinco profesionais (un psicólogo, dúas psiquiatras, unha enfermeira e unha traballadora social).

O Servizo de Psiquiatría e promoción da Saúde Mental da área sanitaria compostelá ocúpase da prevención, avaliación, diagnóstico, tratamento e rehabilitación dos trastornos mentais e do comportamento da área Sanitaria de Santiago de Compostela.

O servizo, segundo apuntan fontes do Sergas, conta coa estrutura de dispositivos asistenciais máis completa da comunidade. Na actualidade existe unha única cultura e pleno manexo coordinado de todos os dispositivos de atención psiquiátrica e saúde mental da área, con funcionamento integrado coas unidades de atención a drogodependentes, en base á atención comunitaria, que ten como eixo central as unidades de saúde mental e como filosofía a continuidade de coidados sanitarios en coordinación con Atención Primaria.

“Os profesionais de saúde mental da sanidade pública compostelá buscan adaptarse ás novas demandas emerxentes, sentidas pola poboación e o resto dos profesionais da medicina”, apuntan dende o Servizo Galego de Saúde. “Ofrecen os últimos avances tecnolóxicos, unidos á histórica experiencia clínica demostrada, sempre desde a perspectiva da evidencia científica, adaptada á nosa realidade sociocultural e ao mellor aproveitamento posible dos recursos”, engaden.

O obxectivo último do seu labor non é outro que traballar pola mellora da integración dos pacientes na sociedade tratando os seus síntomas e discapacidades, favorecendo a adquisición de habilidades e erradicando o estigma negativo da enfermidade mental.

O Plan de Saúde Mental de Galicia posCOVID busca a promoción do benestar mental, a prevención dos trastornos psíquicos e a diminución do impacto que o padecemento dun ha enfermidade deste tipo ten nas persoas e nas súas familias e achegados. O Plan pon especial énfase na atención á infancia e aos nosos maiores, no incremento dos programas de intervención comunitaria e no número de prazas en recursos específicos dirixidos ás persoas con esta doenza.

Tal e como sinalan dende o Sergas os cambios sociais rápidos, as condicións de traballo estresantes, a discriminación de xénero, a exclusión social, os estilos de vida pouco saudables, o baixo nivel educativo, a violencia e a deficiente saúde física “son factores de risco para o desenvolvemento de trastornos mentais”. Tamén hai factores da personalidade e psicolóxicos, así como condicionantes biolóxicos e xenéticos que fan que unhas persoas sexan máis vulnerables ca outras. “Pero o máis importante é que existen estratexias e intervencións intersectoriais eficaces e rentables de promoción, protección e restablecemento da saúde mental”. A OMS destaca como grupos de maior vulnerabilidade aos efectos psicosociais da COVID ás persoas enfermas, aos que perderon a seres queridos, profesionais sanitarios ou anciáns. C.E.

30 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.