Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Touro, Trazo, Frades e Melide elaboraron cadanseu certame virtual // Os veciños que participen terán que enviar unha fotografía disfrazados, que será subida ás redes municipais // Hai varias categorías e agasallos para os mellores TEXTO A. Prada

Concursos online disfrazan a ausencia dun Entroido na rúa

A gravidade da situación sanitaria neste mes de febreiro, circunstancia que se viu incrementada trala época de Nadal, obrigou a todos os concellos da comarca ordense a suspender o Entroido. Os amantes desta popular celebración terán que contentarse coas lembranzas da edición de 2020, posto que de feito, foi a última gran festa á que acudiron antes de que a pandemia instaurase o estado de alarma en España. Con todo, sempre hai unha opción para non deixar totalmente no esquecemento o Entroido 2021: as novas tecnoloxías. As propostas telemáticas son as únicas posibilidades de sentir este ano o espírito entroideiro, e por iso, son moitos os Concellos que xa se decantaron por deseñar actividades online.

Touro convida á veciñanza a enviar fotografías nas que aparezan disfrazados ao enderezo cultura@concellodetouro.gal. As imaxes participantes subiranse ao Facebook municipal e as que obteñan mais gústame levarán un agasallo. Dende o goberno local indican que os máis creativos tamén poden elaborar a súa propia máscara e enviar unha imaxe do traballo. Tamén advirten de que se admiten fotos nas que non se vexa a cara do neno ou nena ou que apareza pixelada. Hai de prazo ata o 17 de febreiro para formar parte do certame.

Pola súa banda, o Concello de Frades tamén decidiu trasladar o festexo ás vivendas particulares e restrinxir a participación a persoas empadroadas ou residentes no municipio. Celébrase un concurso de disfraces baixo o título Entroido na casiña. Para competir nesta iniciativa haberá que encher unha ficha de inscrición (que se pode descargar na web municipal: www.frades.gal) e enviar unha fotografía da persoa co disfrace a biblioteca.municipal@frades.gal antes das 14.00 horas do 18 de febreiro.

Entroido na casiña repartirá 435 euros en premios, distribuídos en tres categorías: individual infantil, individual adulto e grupo. Nas individuais haberá dous premios de 60 e 30 euros, respectivamente. As persoas de ata 14 anos tomarán parte na infantil, mentres que as de 15 ou máis anos farán o propio na de persoas adultas. Na categoría grupo poderán participar dous ou máis compoñentes da mesma unidade familiar, que se repartirán tres galardóns.

Tamén os melidenses están convidados a vivir este ano o Entroido a través dun certame virtual que terá lugar nas redes sociais municipais os días 15 e 16 deste mes. Haberá que mandar unha foto ou vídeo ao enderezo de correo electrónico cultura@concellodemelide.gal onde figuren os datos persoais de cada participante. As franxas de idade son de 0 a 12 (categoría infantil), de 13 a 18 (xuvenil) e o resto concursaría na familiar (persoas conviventes). Serán merecedores dos agasallos os que consigan máis gústame nas redes municipais. O prazo para envialas remata o vindeiro domingo, día 14.

Tampouco se quedarán sen o seu pedaciño de Entroido os veciños e veciñas de Trazo. E é que o goberno local desenvolveu un certame online para convidar aos cidadáns a disfrazarse. Os que se animen teñen que cubrir a inscrición (que está colgada na web e no Facebook) e envila xunto cunha foto cos traxes ao enderezo electrónico entroidotrazo@gmail.com. Hai ata o 16 para participar nalgunha das tres categorías, que albergarán tres premiados en cada unha: infantil (de 0 a 12) e adulto (de 12 en adiante), e tamén hai unha grupal para conviventes. Os agasallos serán importes económicos para gastar na libraría Follas Novas ou en restaurantes locais. O fallo do xurado coñecerase o 19.

08 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.